Site icon Crónica3.com A Mariña

Raquel Arias presenta a exposición “Hacia un trabajo digno” sobre o proxecto de dúas ONGs en Perú

Lugo, 28 de febreiro de 2013.-A delegada territorial, Raquel Arias, inaugurou hoxe no Edificio Administrativo de Lugo a exposición Hacia un trabajo digno, que amosa o proxecto educativo que están a desenvolver en Perú dúas ONG galegas co apoio económico da Xunta.

A mostra recolle 26 fotografías sobre a iniciativa, que consiste en ofrecer formación durante dous anos a 100 mozos e mozas para loitar contra a explotación laboral de adolescentes en risco de exclusión social. Os participantes aprenden corte e confección, perruquería, mecánica de motos ou cociña

O proxecto conta cunha subvención de 121.446 euros da Xunta de Galicia. Está pilotado pola Fundación Balms para a Infancia e a organización Taller de Solidariedade, que traballan en colaboración coa ONG local Canat, e lévase a cabo en Piura, unha zona que rexistra unha das taxas de cobertura educativa máis baixas do país e onde arredor de 40 mil adolescentes están excluídos do sistema educativo.

A delegada territorial gabou o labor que están a desenvolver as organizacións e amosou “o compromiso da Xunta para contribuír ao deber ético de loitar pola superación real da pobreza e da desigualdade”, una tarefa, abundou, “que non é privativa de ningún goberno ou institución, e na que todos temos que implicarnos na medida das nosas posibilidades”.

Arias explicou que o proxecto foi financiado en base ás axudas habilitadas pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para a execución de proxectos e de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación.

A delegada expresou tamén a súa satisfacción polo feito de que a exposición, de carácter itinerante, recalara na sala de exposicións do Edificio Administrativo da Xunta, “o que nos brinda unha oportunidade máis para abrir esta sede á cidade, non só con argumentos administrativos senón tamén culturais e sociais”.

Na presentación participaron tamén Gabriela Rentería, directora de Canat, e Rafael Veiga, coordinador de Taller de Solidariedade, que explicaron os cinco eixos transversais que se traballan no proxecto: A loita contra a pobreza, equidade de xénero, sustentabilidade ambiental, respecto polos dereitos humanos e defensa da interculturalidade.

A exposición permanecerá en Lugo ata o día 14 de marzo e pode ser visitada de luns a venres, en horario de mañá e tarde, e os sábados pola mañá.

Exit mobile version