No ámbito deste compromiso naceron apoios como os impulsados pola Consellería de Economía e Industria para a internacionalización dos seus produtos, que tamén buscaban afirmar un cadro de persoal, formado case na súa totalidade por mulleres, que non puido evitar verse afectado polo contexto xeral de crise.
O pasado mércores a Xunta daba un paso máis neste obxectivo de comprometido apoio, e acollíamos cun especial aplauso o inicio do procedemento administrativo que busca declarar Ben de Interese Cultural, na súa categoría de monumento, á Fábrica de Cerámica de Sargadelos.
Unha petición que acolle a vontade expresada no Parlamento de Galicia e que supón o recoñecemento e posta en valor deste complexo cerámico que reflicte en cada recuncho a imaxe pétrea dese singular proxecto ideado por Isaac Díaz Pardo e Luis Seoane, que souberon unir esforzos para crear un lugar emblemático e pioneiro dirixido á creación artística e o rexurdir cultural de Galicia, e o conseguiron.
Se ben é certo que o estado de conservación do conxunto da fábrica cervense é bo, a declaración como Ben de Interese Cultural pode servir para rescatar, tras o seu cese de actividade, os usos relacionadas coa propia historia do Laboratorio de Formas, coa investigación, a arte e a cultura. En definitiva, para facer que por riba do tempo e das circunstancias perdure o espírito dun conxunto de primeira magnitude turística e cultural.
Falar de Sargadelos non só é falar dunha empresa senlleira que supón a recuperación e posta en valor do pasado máis salientable da comarca da Mariña lucense ou do conxunto histórico-artístico que leva o seu nome. Tamén implica unha aposta decidida polo fortalecemento da imaxe dun produto que leva con orgullo o nome de Galicia polo mundo adiante. Esa Galicia digna do noso maior orgullo e recoñecemento, esa Galicia que se reflexa na indiscutible calidade da súa cerámica, no enxebre dos seus debuxos, no espírito cultural e histórico das formas da nosa terra.
José Manuel Balseiro Orol
Secretario do Parlamento de Galicia