Site icon Crónica3.com A Mariña

Sete partidos da esquerda nacional e ecoloxista aproban a “Declaración de Sevilla” que aposta por un novo proceso constituínte

Espazo Plural, a rede de partidos e organizacións políticas das esquerdas renovadoras, nacionais, republicanistas, laicas e ecoloxistas do Estado Español, reuniuse esta fin de semana en Sevilla para debater como alcanzar un ‘programa de mínimos’ que lle permita ser unha alternativa de esquerdas, ecoloxista e plurinacional ao Goberno de Mariano Rajoy, ao que cualifican como ‘a dereita máis extrema que nos gobernou desde a reinstauración da democracia’.

Para chegar a colaboracións políticas concretas, Espazo Plural reunirase en xuño en Valencia coa intención de concretar a forma de cooperar entre as forzas políticas territoriais, de esquerdas e ecoloxistas. As organizacións integrantes en Espazo Plural alcanzaron un acordo, denominado ‘Declaración de Sevilla’, que alerta de que ‘a realidade española aseméllase cada vez máis á de Grecia, coa preocupante diferenza de que non existe unha alternativa política como a que representa Syriza’.

Por iso, Espazo Plural considera que esa alternativa debería ‘armarse a partir da confluencia horizontal das diferentes forzas de esquerdas’ do conxunto do Estado español. O programa de mínimos, para ‘avanzar cara a un cambio real de modelo económico, político, social e ambiental’, debería concretarse por partidos e organizacións políticas e sociais que ‘compartan os valores da solidariedade, a sustentabilidade, a igualdade, a xustiza social e a democracia’.

Os asinantes da Declaración de Sevilla cren necesario e urxente ‘avanzar desde a diversidade para articular a resistencia e as alternativas ao modelo recentralizador e antisocial da dereita extrema’ representada polo PP. Co obxecto de ser esa alternativa que ‘a cidadanía está a esperar con urxencia’, as esquerdas plurais, nacionais e ecoloxistas lanzaron un chamamento a todas as persoas e organizacións que compartan as formulacións da Declaración de Sevilla para ‘construír unha nova orde social e político ao servizo das persoas, os pobos e o medio ambiente’.

Ratificaron dita declaración de Espazo Plural: Juan Martín, secretario xeral de Chunta Aragonesista, Laia Ortiz, portavoz e deputada no Congreso de Iniciativa per Catalunya Verds; María José López, dirixente de Nueva Canarias; David Abril, coordinador de IniciativaVerds (Baleares); Juan Martínez, vicecoordinador de Espazo Ecosocialista Galego; Mireia Mollá, deputada na Cortes Valencianas e membro de Iniciativa de Iniciativa do Poble Valenciá (Compromís); e Pilar González, en representación de Primavera Andaluza.

Por último, durante a tarde, todas as organizacións asinantes da Declaración de Sevilla celebraron un debate público ao que asistiron representantes de Izquierda Abierta, CC.OO, UGT, EQUO, ATTAC, FACUA e Alternativa Si Se Puede de Tenerife que, xunto á cidadanía, debateron coas formacións de Espazo Plural acerca da confluencia da esquerda, de caracter nacional, renovadora e ecoloxista do Estado español.

Exit mobile version