Site icon Crónica3.com A Mariña

Suárez Barcia convoca unha mesa de traballo sobre a situación da Praia das Catedrais

O ALCALDE CONVOCA UNHA XUNTANZA INSTITUCIONAL SOBRE A PRAIA DAS CATEDRAIS PARA O VINDEIRO 14 DE FEBREIRO. AO ENCONTRO ASISTIRÁ A DIRECTORA XERAL DE NATUREZA E BIODIVERSIDADE DA UNIÓN EUROPEA.

Ribadeo, 7 de febreiro de 2013. Aproveitando a estancia dentro duns días nesta vila da directora xeral de Natureza, Biodiversidade e Uso da Terra da Unión Europea, Pía Bucella, o alcalde, Fernando Suárez, convocou para o vindeiro 14 de febreiro unha mesa de traballo sobre a situación presente e futura da praia das Catedrais, “tanto para garantir a súa sustentabilidade ambiental como para seguir téndoa como importante elemento de atracción turística”.

O rexedor sinalou que “tal e como se compremetera a señora Pia Bucella, a directora xeral de Natureza e Biodiversidade da Unión Europea, contaremos coa súa presenza aquí en Ribadeo para a vindeira semana. E aproveitando a súa visita eu, como alcalde deste concello, acabo de convidar institucionalmente a representantes tanto do goberno do Estado, como da Xunta e da Deputación Provincial de Lugo, para entre todos e en presencia de Pia Bucella, facer unha mesa de traballo onde poñamos enriba da mesa a situación da praia das Catedrais”.

Suárez Barcia manifestou que “hoxe mesmo é portada dun periódico de tirada moi importante, en Fitur acaparou a atención importantísima a nivel internacional, pero a día de hoxe este areal non conta nin cun plan nin cun modelo de xestión definido e é o Concello, coa colaboración puntual doutras administracións, quen está a atender como pode unha realidade que ano tras ano se vai incrementando en número de visitantes e está a sufrir un desgaste e un deterioro que resulta evidente. Non é lóxico que lle corresponda a unha entidade pequena, como é o Concello, algo que transcende o ámbito municipal”.

O alcalde de Ribadeo confía desde o respecto institucional en que “todo o mundo veña a esta xuntanza. Están convidados o ministro de Medio Ambiente, os seus directores xerais, o conselleiro de Medio Ambiente, o presidente da Deputación de Lugo… todas as institucións que poden ou que teñen algo que dicir sobre a ordenación e organización deste areal. Queremos que a praia das Catedrais, o monumento natural de Augas Santas, sexa unha realidade que permita seguir aportando xente, pero que non se deteriore e que siga a ser un lugar e un reclamo de riqueza económica desde a sustentabilidade medioambiental”.

A xuntanza institucional sobre a praia das Catedrais será o 14 de febreiro ás 16:30 horas no salón de plenos do Concello de Ribadeo.

Alcoa

Fernando Suárez tamén se referiu ao encontro que mantivo no día de onte, xunto con outros alcaldes da Mariña, coa dirección de Alcoa para apoiar á factoría. O rexedor indicou que “o compromiso do goberno de Ribadeo, do alcalde e de Ribadeo sempre foi e é inequívoco”. E lembrou que “hai tres meses eu fun unha das persoas que se manifestou por lograr unha tarifa eléctrica xusta que permita a viabilidade de Alcoa aquí, na Mariña. Si ben é certo que agora a preocupación que ten Alcoa é pola cuestión do gasoduto e que os responsables do Estado lle dean luz verde canto antes para que poidan seguir sendo competitivos ou, en todo caso, que poidan ser máis competitivos do que son”.

O alcalde de Ribadeo declarou que “o apoio inequívoco institucional de Ribadeo téñeno sen ningún problema pero eu, porque me gusta sempre dicir o mesmo independentemente do foro onde estea, advertín da situación previa á xudicialización por parte dunha serie de veciños tanto de Barreiros como de Ribadeo polo trazado do gasoduto da Mariña pola obcecación do Ministerio de Industria de non dialogar co Ministerio de Fomento, precisamente para utilizar terreos contiguos á autovía para pasar esa parte do trazado que está levantando tanta suspicacia, polémica e rexeitamento entre unha serie de veciños que moito me temo que máis aló do que poidan facer as administracións poidan acabar nunha vía contencioso administrativa que poida paralizar o proxecto”.

Suárez Barcia quere que “quede claro o apoio de Ribadeo inequívoco á factoría de Alcoa, a necesidade efectivamente de ter un gasoduto, pero quero chamar á responsabilidade, porque están actuando dunha maneira irresponsable tanto o Ministerio de Industria como o de Fomento por unha cuestión que se pode resolver de maneira moi fácil e moi curta no tempo, pero sen embargo están facendo oídos xordos a iso”.

Exit mobile version