Site icon Crónica3.com A Mariña

Touporroutou

En 1991 a A. C. Pomba do Arco tivo a feliz idea de crear un acto lúdico que canalizara e se nutrira do que é tradicional nas celebracións carnavaleiras: os relatos que nestas datas, mais permisivas, de xeito espontáneo, poñen na picota opinións críticas con feitos que protagonizan os poderes políticos locais que a cotío actúan de costas aos cidadáns, aos seus intereses e mesmo aos seus sentimentos. O anonimato favorece o labor.Hai mais de 20 anos a aparición de O Touporroutou anunciábase así: “Eu son O Touporroutou /que ven polo Carnaval ,/ co que podedes decir as cousas/ que poden parecer mal/ . Críticas ou chirigotas/ ou coplas ben rimadas / facédeas con moto xeito / pois van ser cantadas./ O martes cunha banda / e música de zanfoña/ faceremos unha farra / falando sen vergoña/ . Bota viño a freoutadas/ na praza de Mondoñedo; / veñan roscas e orellas/ comer e beber arreo./¡Que viva O Touporroutou, / ven cantar onda mín./ ¡Ha de ser de carallo / se me deixa Hussein!.”

O evento ten para nós, con todo o respecto para os discrepantes, valores dignos a ter en conta: así consideramos o feito artístico-cultural dos magníficos carteis, faceta na que A Pomba é mestra, que estimula a mente e a imaxinación para descifrar a simboloxía das figuras que os ilustran; a posta en escena (vestimentas, música, declamación, cantigas…) baixo inspiración e realización do recoñecido showman Tono Neira e o elenco que o acompaña, tecendo unha hora de espectáculo que ten como soporte as vivencias de cada día, as preocupacións da veciñanza e os desexos dunha xestión pública mais participativa e mais eficaz nos campos sociais, culturais e de convivencia algúns dos cales os sinalan, dende o humor ou o enxeño, os artífices de O Touporroutou. Cabe preguntarse se os destinatarios das mensaxes serán receptivos, se terán a tolerancia e a intelixencia precisas para sacar partido e aproveitar as leccións que dende o acto lúdico se espallan. Escoitar e reflexionar é sempre bó, sexa quen queira o que nos fala… Todos; mesmo os que somos mais torpes, podemos ter unha idea lúcida.. ¡ E sería mágoa perdela! ¡Andamos tan escasos…!

Suso Fernández

Exit mobile version