Site icon Crónica3.com A Mariña

Xuventudes Socialistas de Lugo cre “un insulto aos mozos e mozas” que Novas Xeracións felicite as políticas de Rajoy

XXSS de Lugo cre “un insulto aos mozos e mozas” que Novas Xeracións alabe as políticas de desemprego xuvenil de Rajoy

A Executiva Local de Xuventudes Socialistas lamenta que Novas Xeracións de Lugo “estea tan desapegada da realidade e do drama da fenda xeracional que está a abrir na provincia e en España a reforma laboral do Goberno do PP”

Desde XXSS lembran que o paro xuvenil acabou 2012 no 55,13%, duplicando a media europea, e que segundo datos do propio Ministerio, en Lugo subiu máis dun 3% só no último mes, “coa gravidade que isto supón nunha provincia que está envellecida a niveis alarmantes”

A Executiva Local de Xuventudes Socialistas en Lugo lamenta as declaracións realizadas polos responsables de Novas Xeracións do PP na provincia, nas que alaban e agradecen o labor de Rajoy contra o desemprego xuvenil. “É incrible que estean tan desapegados da realidade e do drama da fenda xeracional que está a abrir na provincia e en España a reforma laboral do Goberno do PP”, critican. Desde XXSS lembran que o paro xuvenil acabou 2012 no 55,13% en España, duplicando a media europea, con 930.200 mozos e mozas en situación de desemprego e cun aumento de 6,57 puntos con respecto ao ano anterior. Ademais, destacan que os datos do propio Ministerio din que en Lugo o paro entre os menores de 25 anos subiu máis dun 3% só no último mes, “coa gravidade que isto supón nunha provincia que está envellecida a niveis alarmantes”.

É por iso que desde Xuventudes de Lugo consideran “un insulto aos mozos e mozas” as declaracións realizadas por Novas Xeracións, a quen lle piden “un pouco de responsabilidade e de sentido común nun momento dramático para a xuventude”. A agrupación lucense sumarase así mesmo á campaña lanzada desde Xuventudes Socialistas en toda España (#empleojuvenilYA) a través de diferentes accións na rúa, nos medios e nas redes sociais con vídeos e diferente material para denunciar este problema e esixir solución ao emprego xuvenil. Con ela instarán ás institucións a que tomen medidas concretas contra esta lacra.

Exit mobile version