A rexedora municipal comentou que a publicación presentada hoxe “trátase dun proxecto importante que nos está a permitir coñecer, cada vez máis, o pasado do noso concello e sobre todo o pasado dun elemento singular do noso rico patrimonio cultural como é o Pazo de Tovar, monumento do que o noso recordado Francisco Fernández Del Riego, a quen dende o Concello lle dedicamos este ano por coincidir co centenario do seu nacemento, sinalaba que a presencia acastelada do edificio facíao sobrancear sobre o variado tono verde do val”.
Emma Álvarez dixo tamén que “este proxecto é ademais unha investigación aplicada que non só se centra no coñecemento do pasado, senón que mira ao futuro, apostando pola posta en valor do patrimonio cultural como oportunidade e instrumento de desenvolvemento local. Desenvolvemento que non tería razón de ser se non fora pola vontade de José Ventoso, a quen aproveito para darlle as grazas publicamente, porque como dono do pazo colaborou activamente coa cesión temporal do inmoble a fin de convertelo nun espazo público de interese para a sociedade en xeral, veciños e veciñas non só de Lourenzá senón de toda a comarca, así como dos turistas que se sintan atraídos por coñecer o patrimonio cultural do noso concello”.
A alcaldesa lembrou que “partindo da disposición de José Ventoso e a súa familia, aos que reitero o agradecemento en nome dos veciños de Lourenzá por facer posible que un ben privado catalogado como Ben de Interese Cultural pase a ser de uso público, en distintas ocasións e con distintos gobernos ao fronte da Xunta de Galicia pretendeuse recuperar este símbolo de identidade do noso concello ao mesmo tempo que se tratou de buscar a forma de darlle un uso”.
Ademais salientou que “o pazo fortaleza de Tovar, de por si, sen dúbida posúe un grande interese turístico e cultural para a Mariña de Lugo debido a dous motivos: por un lado, a escaseza deste tipo de edificacións en toda a provincia e, por outro, pola súa situación privilexiada preto da costa e a escasos quilómetros do Mosteiro de San Salvador, tamén catalogado como Ben de Interese Cultural, e sen dúbida por estar preto do Camiño de Santiago.
O editor e un dos autores do libro, Carlos Andrés González Paz, explicou que a publicación “céntrase fundamentalmente no estudo do Pazo de Tovar, sito no termo municipal de Lourenzá e que está considerado como o paradigma da obra civil do estilo gótico isabelino en Galicia”.
González Paz engadiu que o libro consta de seis capítulos divididos en dous bloques: “o primeiro é xeral, no que escriben Pegerto Saavedra (catedrático da Universidade de Santiago), que analiza a implantación na antiga provincia de Mondoñedo da fidalguía de pazo, que é un grupo social distinto dentro do que é a nobreza galega e que está moi vinculado ao que nós denominamos a cultura dos pazos; a continuación Eduardo Pardo de Guevara, que é director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, analiza a outra variable do que é a cultura dos pazos en Galicia, que é o obxecto, é dicir o pazo, as súas orixes, a súa evolución histórica, as súas distintas tipoloxías, etcétera, a nivel de Galicia e remarcando as diferenzas entre uns e outros territorios; e finalmente nese primeiro bloque María de los Ángeles Ayala Aracil, que é profesora da Universidad de Alicante, danos a visión que nos ofrece a literatura sobre o mundo dos pazos a finais do século XIX, os últimos momentos da cultura dos pazos en Galicia a través do estudio da obra de Emilia Pardo Bazán, fundamentalmente de Los pazos de Ulloa, que nos amosa a vida cotiá dos pazos con escuridade, con ruína, con decadencia”.
O segundo bloque céntrase fundamentalmente no pazo de Tovar. O primeiro capítulo está realizado por Carlos Andrés González Paz, quen comentou que “desentráñase a evolución histórica do pazo de Tovar e a súa relación co territorio no que se atopa, neste caso o val de Lourenzá; a continuación Belén Castro Fernández, que é profesora de Historia na Facultade de Arquitectura da Coruña, desentraña o valor patrimonial do pazo de Tovar realizando unha análise das posibilidades, das viabilidades, das fortalezas, das oportunidades que terá o pazo de Tovar dentro do conglomerado da posta en valor do patrimonio unha vez restaurado e habilitado como museo e centro de interpretación da cultura dos pazos en Galicia; e para rematar Mayte Vidal Lourido, arquitecta superior que é de Lourenzá, encárgase de desentrañar peza a peza, volume a volume, a arquitectura deste monumento histórico que é o pazo de Tovar”.
Sobre a publicación presentada hoxe a arquitecta laurentina Mayte Vidal dixo que foi unha honra para ela participar neste libro con “unha achega dende un punto de vista meramente técnico en busca dunha aproximación e deconstrución da configuración arquitectónica do propio edificio”.
Mayte Vidal explicou que “as escasas análises realizadas ao comezo do proxecto sobre un conxunto arquitectónico da envergadura de Tovar mostráronnos que as posibilidades acerca do seu orixe e do seu desenrolo histórico arquitectónico encontrábanse completamente abertas. A incerteza do acontecido durante centurias intensificábase ante a falta de información específica mantendo moitas, quizais excesivas, dúbidas e hipóteses no aire. Esa é a razón fundamental pola que o proxecto de investigación comezou e, baixo o meu punto de vista, debe continuar en busca de testemuñas que clarifiquen cada un dos elementos que o compoñen, proxectando a luz suficiente ata chegar ao seu orixe e evolución construtiva. En todo momento considérase que ese debe ser o obxectivo do artigo”.
A arquitecta laurentina engadiu que “Tovar remonta os seus orixes documentados ao século XIII, onde se denomina como a vella señorial Torre de Canedo. Sen embargo converterase en paradigma da arquitectura gótica isabelina de Galicia grazas á intervención de don Antonio de Tovar e a súa dona, Branca de Rivadeneira, no ano 1530, como unha inscrición epigráfica deixa constar. A eles atribúeselles o paso do carácter basicamente defensivo ao militar pasando por unha reforma meramente estética e adquirindo carácter pazego que a época e o momento esixían. Esas serán as dúas etapas ata o momento documentadas e fundamentais do proceso construtivo de Tovar. Sen embargo atreveríame a afirmar que o pazo de Tovar sufriu un crecemento desorganizado e, porque non dicir, con certo caos, que queda clarificado na adicción de corpos ou na apertura de ocos claramente posteriores, complicando a análise cronolóxica e arquitectónica do conxunto”.
Para Mayte Vidal a publicación deste libro “ten como obxectivo ofrecerlle ao lector unha aproximación á arquitectura dun edificio tan singular e tan cheo de incógnitas, aínda sen resolver, como é Tovar. E se non lográsemos cumprir esa finalidade esperamos, canto menos, espertar a curiosidade cara a este único do patrimonio arquitectónico de Galicia. Este traballo ademais, baixo o meu punto de vista, é un sorprendente inicio do redescubrimento de Tovar, un edificio con carácter propio e, aínda que a simple vista se aprecia o seu estado ruinoso, a medida que un se interna no seu estudio vense cada vez máis claras as grandes posibilidades de actuación que presenta. Ademais creo que a consolidación das estruturas dun edificio tan significativo como Tovar é fundamental para a súa protección e pervivencia. Pero deberiamos dar un paso máis alá e conseguir, sen interferir na valoración de dimensións históricas ou arquitectónicas do edificio por suposto, a posta en valor de Tovar, buscando a creación de actividades potenciadoras e dotadas dun uso sociocultural. Esta é unha forma de comprometernos coa herdanza arquitectónica que os nosos antepasados nos deixaron manténdoos vivos e outorgándolles un futuro a longo prazo”.