Site icon Crónica3.com A Mariña

A aula CeMIT de Burela impartirá dous novos cursos a partir do 1 de abril

Burela, 25 de marzo de 2013. A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, acollerá dous novos curso de informática impartidos polo Concello de Burela.

O vindeiro luns, 1 de abril, iniciaranse dous cursos de informática na Aula CeMIT de Burela. O primeiro deles, será un curso de Iniciación a internet “no que se ensinará aos asistentes a dar os seus primeiros pasos na internet. Os participantes aprenderán a buscar todo tipo de información na rede a través do navegador libre Mozilla Firefox, así como a configuralo”, segundo explican desde a Concellería de Educación. Este curso impartirase de 11:00 a 12:30 horas e finalizará o 8 de abril.

O segundo será un curso de Iniciación á informática “no que se lle axudará aos asistentes a dar os seus primeiros pasos no amplo mundo da informática. Aprenderán a usar o rato e o teclado, a crear, renomear e eliminar cartafois e arquivos, entre outras moitas cousas”. Este curso impartirase de 16:00 a 17:30 horas e finalizará o 11 do mesmo mes.

Desde a Concellería de Educación lémbranlles aos usuarios que poderán facer uso libre dos equipos e da internet da aula, en horario de mañá de 12:30 a 14:30 horas e en horario de tarde de 17:30 a 20:00 horas. Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Burela sita na Casa da Xuventude – Rúa do Cancelo 1, a través da páxina web https://cemit.xunta.es/, ou enviar un correo electrónico ao enderezo: cemit.burela@xunta.es.

Exit mobile version