Site icon Crónica3.com A Mariña

A Casa da Xuventude acollerá mañá a segunda actividade do programa ‘Ribadeo emprende”

Ribadeo, 21 de marzo de 2013. Mañá, venres, ás oito e media da tarde na Casa da Xuventude de Ribadeo terá lugar a segunda actividade do programa Ribadeo emprende. Coa denominación de Diálogos inspiradores os artífices de tres propostas de emprendemento que agora están en marcha en Ribadeo exporán as súas experiencias aos asistentes.

Ribadeo emprende é un programa aberto organizado polas Concellarías de Mocidade e Desenvolvemento Local de Ribadeo “e que fundamentalmente o que busca é apostar polo talento, pola innovación, pola formación e polas ideas da xente nova e non tan nova de Ribadeo, que busca nestes tempos tan difíciles e complexos para levar adiante calquera tipo de iniciativa económica maneiras novas e diferentes de sacar adiante as súas ideas para facer posible o que todos e todas queremos, que é poder vivir e traballar dignamente na nosa propia terra, no noso entorno e rodeados da xente coa que nos sentimos cómodos”, explica Xavier Campos, concelleiro de Mocidade.

O edil nacionalista sinalou que “neste caso vai ter lugar a segunda actividade, que leva o nome de Diálogos inspiradores e que consiste basicamente na explicación por parte dos seus protagonistas de tres propostas de emprendemento que agora mesmo están xa en marcha en Ribadeo. A primeira delas é a proposta do colectivo O Formigueiro, unha iniciativa de cooperativismo social que está desde hai un mes e medio intentando levar adiante en Ribadeo diferentes iniciativas de formación orientadas á creación de emprego por parte de persoas que agora mesmo están en situación de paro, de desemprego, e que para iso están colectivamente traballando na busca de saídas laborais desde un visión diferente, social”.

Xavier Campos seguiu a relatar que “estará tamén a proposta Mau Marela, un espazo de aprendizaxe e de creatividade pedagóxica que está asociada ao espazo da Casa das Letras de Ribadeo e que leva unhas poucas semanas funcionando de forma tamén cooperativa entre diferentes profesionais da pedagoxía, da psicoloxía e doutras disciplinas e que unen o seu talentos e as súas forzas para sacar adiante esta iniciativa. E por último a empresa Mimadrinha, que é unha iniciativa que parte do talento artístico, neste caso, e que se orienta á actividade comercial”.

O concelleiro de Mocidade engadiu que “as persoas destas tres iniciativas (de Mimadrinha, de Mau Marela e de O Formigueiro) estarán con todos aqueles mozos e mozas que se queiran achegar á Casa da Xuventude ás oito e media da tarde de mañá, venres, para contrastar con eles cales son as súas formas de funcionar, de que maneira están intentando sortear a crise e saír adiante para poder vivir do que son capaces de facer, do que lle gusta e no que se senten formados”.

Desde as áreas de Desenvolvemento Local e de Mocidade “o que facemos é un convite a todas aquelas persoas que estean interesadas neste tipo de cuestións a que asistan á Casa da Xuventude a esta actividade formativa, pero tamén de contraste de opinión, de debate e de diálogos inspiradores para buscar saídas entre todos a unha situación de continuos recortes e destas políticas de austeridade que padece o pobo a costa de que despois vexamos que enriquecen aos poderosos, aos ricos. Temos que buscar saídas e seguramente camiños alternativos nunha época tan convulsa como a que vivimos”.

Exit mobile version