Site icon Crónica3.com A Mariña

A CIG solicita ao comité de empresa de Alcoa apoio para os traballadores de Cegelec que foron despedidos

A CIG solicitou no pleno do Comité de Alcoa o apoio das distintas Seccións Sindicais para as mobilizacións convocadas en defensa dos traballadores que quedaron descolgados tras o abandono de Cegelec da contrata que tiña con Alcoa e posterior despido de toda a plantilla que esta auxiliar tiña en San Cibrao.

O pasado 5 de febreiro os traballadores da subcontrata encontráronse cunha carta de despido obxectivo e realizaron durante varios días concentracións na porta da factoría á hora da entrada de xornada normal. Ao final a asturiana Isastur colleu a 15 dos 17 traballadores despedidos por Cegelec, polo que a asemblea de afectados decidiu por maioría suspender as mobilizacións aínda que as condicións salariais eran considerablemente inferiores.

A CIG sinala que a única beneficiada é Alcoa que conseguiu unha considerable rebaixa na contratación a
conta de recortar os salarios dos traballadores das auxiliares, en algún caso máis dun 20%. Tamén se manifestan
en contra deste tipo de actuacións porque no caso dalgún dos que aínda quedan despedidos teñen ata 30 anos de antigüidade na fábrica. Traballadores que non fai tanto apoiaron as mobilizacións realizadas por Alcoa para a consecución dunha tarifa eléctrica competitiva. Deste xeito, a CIG non pode consentir que quede ningún traballador descolgado, motivo polo que continua con as mobilizacións.
.

Exit mobile version