Site icon Crónica3.com A Mariña

A conselleira de Sanidade reuniuse cos alcaldes da área sanitaria da Mariña para explicar o modelo de xestión integrada que implantará o Sergas

rocio mosquera reunese con alcaldes da Mari–a foto: ana varelaSantiago, 20 de marzo de 2013.- A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera Álvarez, acompañada do secretario xeral técnico do seu departamento, Antonio Fernández Campa, así como da xerente do Servizo Galego de Saúde, María Nieves Domínguez González, e do director de Asistencia Sanitaria, Félix Rubial Bernárdez, reuníronse hoxe, na capital de Galicia, cos alcaldes da área sanitaria da Mariña e Monforte, para explicarlles o modelo de xestión integrada que o Sergas vai implantar nesta provincia, co propósito de mellorar a atención sanitaria que se presta aos cidadáns.

Ás dúas xuntanzas, tanto á da maña cos alcaldes da área da Mariña, como á da tarde cos rexedores da área sanitaria sur, tamén asistiron o xerente do Hospital Universitario Lucus Augusti, Antonio García Quintáns, e o xerente do Hospital da Costa, Francisco Soriano Paredes.

Os concellos que acudiron á xuntanza foron os de Alfoz, Barreiros, Burela, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove, á reunión da mañá; e os de Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte, Pantón, Pobra de Brollón, Quiroga, O Saviñao e Sober, á que tivo lugar pola tarde.

Incrementar a coordinación
A xerente do Servizo Galego de Saúde explicou aos alcaldes, e demais representantes municipais, que o obxectivo da Administración sanitaria galega coa implantación da xestión integrada é dar unha asistencia adecuada e de calidade, á vez que se evitan esperas e desprazamentos.

Segundo lles indicou María Nieves Domínguez, o Sergas está a dar unha boa atención á poboación pero é necesario incrementar a coordinación entre os distintos centros do Sergas nesa área. A tal efecto, considera que coa posta en marcha do modelo de xestión integrada conseguirase ese obxectivo. En definitiva, -dixo a xerente-, trátase de transformar o modelo asistencial actual por outro que vai ter por liñas mestras a promoción da saúde, a prevención, a abordaxe da cronicidade, a autoxestión e o autocoidado da enfermidade. A tal efecto, implantaranse medidas que aseguren a continuidade asistencial aproveitando as vantaxes que ofrecen as Tecnoloxías da Información e a Comunicación, para achegar os servizos aos cidadáns.

Beneficios para pacientes, profesionais e para o sistema sanitario
Tal e como incidiu a xerente do Sergas, quen gaña con este novo modelo que se vai implantar son os pacientes, que terán unha resposta asistencial axeitada en tempo e lugar, sen sensacións de chanzos, sen repetición de probas, e, ademais, sen ter que acudir a diferentes servizos coas conseguintes esperas en medio.

Tamén gañan os profesionais, -remarcou Nieves Domínguez-, posto que terán maiores posibilidades de desenvolvemento, así como unha maior motivación e satisfacción. Engadido a todo o anteriormente sinalado, tamén gaña o sistema, -subliñou a xerente-, xa que os centros de saúde e hospitais comarcais aumentarán a súa capacidade de resolución, e, deste xeito, tanto o hospital da Mariña como o de Monforte poderán atender procesos de maior complexidade.

Quixo remarcar especialmente, Nieves Domínguez, aos representantes municipais, que esta nova forma de organizarse por parte do Sergas non é ningunha novidade, posto que xa a Lei 14/1986 Xeral de Sanidade establece que os servizos sanitarios adecuarán a súa organización e funcionamento aos principios de eficacia, celeridade, economía e flexibilidade.

Tamén lles explicou que o artigo 97 da Lei 8/2008 de Saúde de Galicia, recolle a posibilidade de introducir, na asistencia sanitaria, modelos de xestión e fórmulas organizativas cunha visión horizontal e integradora dos procesos asistenciais, para superar os compartimentos existentes na actualidade, froito da progresiva especialización.

Asemade, recordoulles aos asistentes á xuntanza, que o Sergas xa ten implantada a estrutura de Xestión Integrada en Ferrol, A Coruña, Santiago, Pontevedra, Vigo e Ourense, quedando, por tanto, só Lugo por sumarse a este modelo de organización.

Para rematar a súa intervención, a xerente do Servizo Galego de Saúde fixo un chamamento a superar resistencias tales como o medo ao cambio, a perder status ou perder autonomía, posto que o que se pretende con esta medida é mellorar a atención sanitaria que se presta á cidadanía.

Exit mobile version