Site icon Crónica3.com A Mariña

A Delegación Territorial da Xunta celebra o Día da Árbore coa plantación de máis de mil exemplares de especies autóctonas

Lugo, 16 de marzo de 2013.- A Delegación Territorial da Xunta en Lugo conmemorará o Día da Árbore coa organización para toda a vindeira semana de diferentes actos institucionais de difusión e de concienciación social en varios concellos da provincia.

Así o explicou a delegada territorial, Raquel Arias, que apuntou que se plantarán máis de 1.000 exemplares de especies autóctonas mediante esta iniciativa que pretende involucrar a institucións, colectivos cidadáns e escolares.

O Día Forestal Mundial -popularmente coñecido como Día da Árbore-, está promovido pola Unesco e celébrase o 21 de marzo. Nesa xornada, 200 escolares de Cervo plantarán 60 árbores de frondosas autóctonas, auxiliados polas brigadas do distrito forestal da Mariña da Consellería de Medio Rural e do Mar.

Ademais, a consellería doará ao concello 300 pradairos, 300 castiñeiros e outros tantos ameneiros para a súa plantación nos montes públicos de A Bidueira y A Escarapelada. Ese mesmo día, o subdirector xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais, Miguel Ángel Cela González, dará unha charla informativa sobre a Lei de Montes no concello de Lourenzá.

O día 22 en Meira procederase á plantación de 10 castiñeiros cos nomes dos nenos e nenas nacidas no último ano, ao tempo que será inaugurada a Aula da Natureza do concello.

No acto previsto para o sábado 23 no concello do Corgo participarán as asociacións de montes veciñais en man común, colaborando na plantación de 25 pradairos, 25 ameneiros e 1 cerezo na área recreativa de Chamoso. En todos os casos cóntase coa colaboración das brigadas do distrito forestal correspondente.

Igualmente, está prevista a entrega de árbores a colectivos dos concellos de Ribadeo e Monforte, procedendo tamén á plantación de árbores autóctonas.

A delegada territorial subliñou a necesidade de “apostar polo carácter produtivo e sostible dos recursos forestais” buscando a rendibilidade económica porque “o monte, ademais de riqueza patrimonial e cultural, representa tamén unha actividade empresarial que pode xerar moitos postos de traballo e axudar a fixar poboación no medio rural”.

Exit mobile version