Santos destacou que, co novo plan de emprego provincial, “impulsamos unha actividade na que a provincia xa é punteira na actualidade, pois a gandería ecolóxica move en Lugo uns 7 millóns de euros ó ano, o 50% da facturación de Galicia”. No caso do leite ecolóxico, con 5,5 millóns de euros, a provincia concentra o 60% do volume de negocio da comunidade galega, e o 40% do de carne (1,4 millóns de euros).
O Deputado destacou así mesmo as “grandes expectativas de crecemento” da produción biolóxica, tendo en conta que, dende comezos da crise, en 2007, a facturación subiu un 20% ó ano en Galicia. Tamén se disparou o número de hectáreas dedicadas á agricultura orgánica, medrando un 90% na última década, así como a cantidade de operadores, pasando dos 217 do ano 2003 ós 814 inscritos no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) a data de febreiro deste ano, dos cales 341 (o 42%) son da provincia: 213 de produción vexetal e 128 de produción animal. Tamén confirma o potencial da gandería ecolóxica, o feito de que, segundo datos do CRAEGA, os produtos ecolóxicos con maior demanda son o leite, as carnes e os ovos, indicou Álvaro Santos.
Curso na Granxa Gayoso
O curso que arrancou hoxe na Granxa Gayoso Castro ten 25 alumnos, a maioría procedentes da Terra Chá, pero tamén da Zona Sur e das comarcas de Lugo e A Mariña. As clases impartiranse ata o 20 de maio, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Xunto a esta acción formativa, hoxe comezou tamén outro curso on line da mesma temática –vacún maior ecolóxico- que continuará ata o 19 de xuño e conta con 25 participantes, a metade deles da Terra Chá e os restantes da Zona Sur, A Mariña, A Montaña e a comarca de Lugo.
Entre mañá mércores, 20 de marzo, e o 30 de abril, terá lugar outro curso de agricultura ecolóxica de modalidade mixta, isto é, unha parte presencial, que se impartirá na Casa Sindical de Monforte, de 10:00 a 14:00 horas, e outra on line. Nesta acción formativa participan 20 persoas, todas da Zona Sur.
Dende o luns xa está en marcha ademais un curso en Viveiro sobre xestión forestal sostible, que continuará ata o vindeiro 30 de maio, en horario de 9:00 a 14:00 horas, nos claustros de San Francisco.
Un mínimo de 900 prazas
As persoas interesadas en beneficiarse da oportunidade de futuro que supón o plan Fórmate en Verde, financiado ó 80% pola Unión Europea, poden en calquera caso seguir anotándose, pois o proxecto conta con un mínimo de 900 prazas e as seguintes accións formativas iniciaranse nas vindeiras semanas, de maneira progresiva, a medida que se vaia completando a selección e organizando os grupos. Para anotarse deben entrar en www.deputacionlugo.org escoller a actividade na que queren formarse, cubrir o formulario correspondente e envialo dende a propia web. Cada persoa só pode solicitar un curso de cada sector ofertado: gandería e agricultura ecolóxica, e xestión forestal sostible.
O programa está dirixido a desempregados, emprendedores, mozos, agricultores, gandeiros e estudantes de toda a provincia, excepto os censados no Concello de Lugo, pois son destinatarios doutros programas europeos.
Formación, práctica e asesoramento
O plan de emprego Fórmate en Verte ten tres eixos:
– Formación: que pode ser presencial, a distancia ou mixta, e impartirase entre este mes de marzo e outubro.
– Visitas prácticas a empresas xa consolidadas dos sectores agropecuario e forestal.
– E, posteriormente, asesoramento técnico especializado a tódolos participantes para crear empresas no rural vinculadas ós sectores gandeiro, agrícola e forestal. As persoas que queiran reconverter a súa explotación, diversificar a súa actividade ou ben poñer en marcha unha nova empresa, contarán con asesoramento continuo e especializado, dende a mesma concepción da idea, ata a súa saída ó mercado.