Site icon Crónica3.com A Mariña

A edil de Facenda de Cervo considera que Moñita caeu na descualificación e na falta de respecto

Cervo, 1 de marzo de 2013-A edil de Facenda, Yolanda Pedreira, lamentou profundamente que o presidente da Plataforma de Afectados polos Abusos do Mercado Eléctrico, José Luis Moñita, recorrese a descualificacións para responder ás declaracións da propia edil. “As palabras e as formas do señor Moñita non son as apropiadas, pero aínda así, nós ímolo seguir tratando con respecto”.

Ao mesmo tempo, a edil asegura que “dende o sector público entendemos que é imprescindible defender os dereitos de todas as persoas ante calquera tipo de abuso, pero esa defensa ten que facerse sen que haxa ningún obxectivo interesado e sospeitoso polo medio”. “Neste caso queremos defender os dereitos lexítimos de todas as persoas asociadas nesta plataforma, e por iso é importante que eles saiban cales son os intereses reais que moven ao seu presidente”.

Neste sentido, Pedreira explica que “é moi importante que o señor Moñita aclare, polo ben dos socios da plataforma, se a súa actividade profesional segue vinculada ao negocio eléctrico”. A delegada de Facenda considera que, de ser así, “estaríamos falando dunha falta de ética e de moral, porque non se poden defender ao mesmo tempo os intereses colectivos dos consumidores e os propios intereses”.

Exit mobile version