Site icon Crónica3.com A Mariña

A edil de Facenda de Cervo lamenta que o PSOE non valore o traballo dos profesionais cualificados do Concello

Cervo, 16 de marzo de 2013-A edil de Facenda, Yolanda Pedreira, asegurou hoxe que “todo o goberno local lamenta que o PSOE teña que criticar a labor dos profesionais que traballan para o Concello para facer oposición”. Pedreira fixo estas declaracións en referencia ás críticas dos socialistas cervenses sobre as tarefas que realiza unha traballadora autónoma para o Concello. Unha persoa “que se encarga de múltiples tarefas, como o mantemento e actualización diaria das redes sociais, onde se informa á veciñanza de todos os actos e eventos que se fan en Cervo. Unhas redes sociais a través das que centos de persoas coñecen a actividade do municipio”.

Unha autónoma que tamén “fai reportaxes fotográficos das actividades, imaxes que tamén se amosan nas redes sociais; que presenta actos públicos como foi o caso da Festa do Ourizo e outras moitas actividades, ou que contribúe na divulgación de festas e eventos nos medios de comunicación”.

Pedreira destacou tamén que “esta profesional está traballando na creación dunha nova páxina web do Concello, tal e como aparece na factura que emite. Unha web que será moderna e novidosa e que contará con numerosos contidos que está preparando e que, como é lóxico, leva un longo traballo que non se remata nuns poucos meses”. Un traballo “moi específico e que precisa unha cualificación moi determinada e que, polo tanto, é normal que se recorra a profesionais externos ao Concello”.

“Esta non é a primeira vez que a oposición ataca a persoas traballadoras, sexan empregados do Concello ou autónomos”, unhas persoas que para Pedreira “merecen un respecto porque desenvolven tarefas necesarias para o correcto funcionamento do Concello e o seu traballo redunda en beneficio do municipio”.

Exit mobile version