Ademais de causar graves danos aos animais, estes dispositivos os deixan indefensos ante os ataques de depredadores e os lumes forestais.
Lugo, 30 de marzo de 2013.- Axentes da Policía Autonómica de Lugo liberaron a sete cabalos inmobilizados con “trancas” nos montes de Abadín e Mondoñedo e abriron un expediente sancionador contra os seus propietarios por maltrato animal.
A normativa legal esixe aos coidadores que non se ocasionen aos animais dores, sufrimentos e danos inútiles, e fixa sancións para aqueles que o fagan que poden chegar aos 6.000 euros.
As trancas son pezas de madeira alongadas cunha lonxitude que oscila entre os cincuenta centímetros e o metro de longo, cunha abertura nun dos extremos creada para introducir nela un dos pezuños dianteiros do animal. Unha vez feito isto, péchase a abertura cun pasador deixando presa a pata do cabalo.
Estes dispositivos utilízanse, principalmente, para impedir que os cabalos escapen e para telos localizados permanentemente e representan un claro exemplo de maltrato animal, xa que ademais de causarlles dor e sufrimento, dificulta a súa mobilidade.
As trancas poden causar graves danos físicos, como chagas, úlceras, deformacións ou coxeiras irreversibles. Ademais, deixan aos cabalos nunha situación de total indefensión ante o ataque de depredadores ou en caso de ter que fuxir dun incendio forestal. Tamén supoñen un perigo cando o animal invade unha estrada; tanto para el como para os condutores.
O verdadeiro problema para acabar con esta práctica de maltrato animal é a localización dos propietarios dos cabalos, que resulta cada vez máis difícil. O auténtico talón de Aquiles deste tipo de investigacións é que o cen por cen dos equinos que teñen colocados estes dispositivos están sen identificar co correspondente microchip.