Desde pola mañá do vindeiro sábado, as categorías inferiores, desde benxamíns a xuvenís, dos países e autonomías do norte do Estado, disputarán as diferentes probas que compoñen este campionato con diferentes distancias e tiradas segundo as categorías: proba combinada de tiro e carreira e natación (a esgrima por decisión técnica non se celebrará en Lugo debido ao excesivo custe que tiña para os deportistas o desprazamento deste material deportivo). A proba combinada de carreira e tiro realizarase na Casa do Deporte da zona de Frigsa e as inmediacións, coa carreira por fóra e o disparo no interior, e a proba de natación disputarase na piscina municipal de Frigsa.
Tal e como destacou Mario Outeiro, “que recaia en Lugo esta proba é unha mostra do bo facer organizativo que a Federación Galega de Tríatlon e Péntatlon Moderno está a desenvolver, á que agardamos que se unan uns bos resultados da nosa representación galega nesta proba que, xunto á catalá, está a demostrar que son os dous países do Estado punteiros nesta disciplina. Neste sentido, o noso atleta lucense máis destacado, Cristóbal Rodríguez, está arestora a disputar unha proba pertencente ao Campionato do Mundo en Río de Xaneiro, onde é o único representante de España. Agardemos que esta proba sexa un éxito e que acuda moita xente a este evento porque repercutirá tamén no turismo e na economía local”.