AS ACTIVIDADES DA SEMANA SANTA DE SAN MARTIÑO (FOZ) EMPEZAN O VINDEIRO SÁBADO, DÍA 23, CO PREGÓN E REMATAN O DÍA 31 DE MARZO. O ALCALDE DESTACA O TRABALLO DA CONFRARÍA DO DESENCRAVO.
Foz, 18 de marzo de 2013. O alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, e portavoz da Confraría do Desencravo, José Ramón Vila Otero, deron a coñecer as actividades que se van desenvolver nesa parroquia focense con motivo da Semana Santa, actos que empezan este vindeiro sábado, día 23 de marzo.
O rexedor municipal destacou a celebración da décima Semana da Música, que “acompaña ás propias celebracións da Semana Santa de San Martiño e para o grupo de goberno organizar esta actividade dentro do programa cultural do Concello é un orgullo, como o é traballar dan man e en compañía da Confraría do Desencravo”. Tamén fixo referencia á “colaboración dos grupos locais focenses e a dos demais que van participar”.
“Este ano estamos moi contentos porque a participación dos grupos é interesantísima e a colaboración do Concello, como en edicións anteriores, vai ser financiando esas actuacións”, explicou Javier Castiñeira, quen aproveitou para “convidar a todos, non só aos veciños de Foz senón tamén a todos aqueles que nos visitan e aos da comarca a ver os actos da Semana Santa de San Martiño e en concreto as actividades da Semana da Música, porque merece a pena”.
O alcalde resaltou tamén que os actos se celebran “no entorno espectacular arredor da basílica de San Martiño de Mondoñedo, onde a sonoridade é espléndida e o nivel é o moi bo”. Ademais lembrou ao falecido Xosé Alonso, que “foi un dos persoeiros protagonistas que fixo posible que hoxe en día se celebre a Semana Santa en San Martiño deste xeito”.
O portavoz da Confraría do Desencravo deu a coñecer o programa de actividades, que “arrancan o sábado 23 de marzo co acto do pregón, que será ás oito da tarde na propia basílica e correrá a cargo de don César Andrade Ledo, máis coñecido por Saros. É un home de San Martiño que está afincado en Pontevedra, foi un destacado futbolista do Club Deportivo Foz cando estaba en Terceira División e dedicouse toda a súa vida á climatoloxía. O mesmo día inaugurase tamén a décima edición da Semana de Música Xosé Alonso, que leva o nome daquel periodista tan destacado que fora portavoz da nosa confraría tantos anos e empeza con unha actuación da Coral Polifónica de Foz. Ese día tamén entregamos os diplomas aos confrades de honra, que este ano decidimos que sexan cinco mulleres da parroquia de San Martiño que son as costureiras oficiais da confraría: María del Pilar Labrada Labrada, Emilia Longarela Val, María Solita Martínez Longarela, Eulalia Rodríguez Sánchez e Dolores Longarela Val. Ese mesmo día tamén entregarémoslle tamén o diploma ao gañador do concurso de fotografía, que todos os anos organizamos desde a confraría, e nesta ocasión o gañador foi Foto Xuxa, de Foz. Ese premio está dotado con 300 euros e máis un diploma e o patrocinador do certame é Construcciones y Canalizaciones José Saa, veciño de San Martiño”.
José Ramón Vila tamén anunciou os actos do Domingo de Ramos, coa procesión na praza da basílica e a bendición de ramos, e destacou que “o Mércores Santo temos un acto moi bonito, que recuperamos no 2008 e chamámoslle o Oficio de Tebras: é un acto precioso que se perdera, había 50 anos que non se facía en San Martiño, e acaba con un concerto musical, neste caso a cargo do grupo vocal Son de nós”.
As actividades da Semana Santa en San Martiño continuarán o Xoves Santo. “Temos na basílica tamén a Misa da Cea do Señor, co acto tan bonito do Lavatorio, que este ano os doce homes que se presentan como voluntarios para representar aos doce apóstolos estrean uns traxes confeccionados polas costureiras”, explicou Vila.
O día grande é o Venres Santo, como salientou o portavoz da Confraría do Desencravo, quen explicou que “ás doce da mañá na basílica temos a proclamación da madriña dos actos dese día e este ano aceptou a nosa invitación un señora de Ribadeo que foi a última mestra que houbo na escola de San Martiño, no barrio de Ferreira a Vella: María Angélica Sánchez Souto. A continuación temos o vía crucis polo interior do templo e despois temos o Acto do Cravado, que é o único deste tipo que se desenvolve en todo Galicia e resulta moi emotivo e precioso. Rematamos á unha menos cuarto co concerto especial de Venres Santo a cargo do coro parroquial de Foz. Pola tarde temos, ás cinco, a liturxia e a continuación o famoso Acto do Desencravo, que da nome á nosa confraría, e despois, ás seis da tarde, polo barrio medieval do Caritel sae a procesión do Santo Enterro cos pasos do Cristo Xacente, a Virxen das Dores, San Xoán Evanxelista e María Magdalena, imaxe levada soamente por mulleres. Nesta procesión participa a banda da escola de música de Foz”.
Dentro do programa da Semana Santa de San Martiño inclúese tamén a Festa de Pascua, que se celebra o sábado “coa bendición do lume e da auga no adro da basílica e despois unha bonita procesión, a das velas, ata o interior do templo. Ese día actúa a Coral Polifónica de Burela”, comentou José Ramón Vila, quen engadiu que os actos rematan o 31 de marzo, Domingo de Resurrección, día no que “á unha da tarde haberá unha misa solemne cantada polo grupo Arcovento, misa que aplicamos por todos os confrades falecidos. E rematamos ás dúas da tarde con unha solta de pombas en sinal de paz”.