Cando o pasado venres ollábamos a fotografía que ilustraba a primeira páxina das da Mariña, de El Progreso, na que se amosaba unha lancha varada na barra, coidamos que se trataba dunha vella toma extraída do arquivo do xornal, tan coñecido se nos facía o episodio; pois ó longo da vida puidemos contemplala a acotío. Estampa estática e abondo expresiva, que define a historia (triste!) do porto de Foz. Nas nosas teimudas pescudas de referencias sobre o devir da vida portuaria, a primeira voz de alarma do problema que nunca os gobernantes, de todo tempo, quixeron resolver do único xeito posible (que a experiencia acumulada di que non é o dragado), atopámola na obra do cartógrafo portugués Pedro Teixeira que no ano 1634 publicou “Descrición de España e as costas e os portos dos seus reinos” no que referido ó emprazamento de Foz e a súa ría suliña a dificultade da barra ”por ser case cerrada con banco de area” e conta o episodio do que foi testemuña pola condición case inaccesible da mesma Na Memoria de 1929 do Pósito dise que “a ambos lados da entrada existen grandes bancos de area que forman as marxes ata o porto…”. En 1936, Ramón Salgado Toimil, mestre histórico, un loitador polas xentes do mar, secretario que foi da Confraría, que o nomeou “honorario” entre outras razóns porque endexamais cobrou por desempeñar tal cometido, proclamaba, en nome dos pescadores: “para que Foz sea un puerto pesquero sin los múltiples inconvenientes de barra cerrada, es necesario construír un puerto de atraque a la altura de la pena do Escairo”; é dicir, fora da ría. O barco varado retrotráenos á lembranza da nosa nenez, porque era estampa cotiá; non ocorre o mesmo se voltamos a ollada cara ó peirao que non recoñeceríamos de entón porque (década dos 40) Foz era o primeiro porto pesqueiro e de cabotaxe da provincia, con arredor de 40 embarcacións de baixura e preto de 400 mariñeiros. Hoxe conta con tres barcos. A barra, coa lancha embarrancada na area, é vella estampa que nos remite ós anos infantís. O declive foi absoluto. Todo perdido!