Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta inviste 250.000 euros na construción de beirarrúas en Cangas de Foz, cuxa primeira fase rematará en abril

foto obras cangasFoz, 4 de marzo de 2013. O alcalde de Foz, o popular Javier Jorge Castiñeira, supervisou esta mañá as obras da primeira fase da construción de beirarrúas en Cangas, unha actuación na que a Xunta de Galicia inviste 250.000 euros e que estará rematada no vindeiro mes de abril. Así o anunciou Castiñeira despois de visitar a zona acompañado por representantes da asociación veciñal da parroquia e da empresa construtora.

O rexedor municipal amosouse “satisfeito polo ritmo que leva esta obra e pola calidade” e tamén comentou que os veciños están contentos porque esta actuación “foi moi solicitada dende hai máis de dez anos e agora a Xunta de Galicia fixo esta inversión nesta primeira fase e cumpre un fin para a seguridade, pois é unha estrada perigosa nun núcleo urbano como o de Cangas, que ten moito tráfico. As obras estanse levando moi ben, con moi boa coordinación tamén”.

Castiñeira engadiu que como consecuencia das obras vai haber algunhas retencións de tráfico nos vindeiros días na estrada LU-162, que comunica Ferreira do Valadouro con Cangas de Foz, pero “o máis importante é que esa primeira fase se acabará en tempo e forma e vai quedar axeitada. Pedíronse unhas melloras, que se van trasladar á dirección da obra”.

“Estamos moi contentos en xeral todos, os veciños tamén, e de noraboa vendo como unha obra tan solicitada dende hai dez anos se está levando a cabo”, comentou o alcalde, quen ademais anunciou: “vamos loitar para que a segunda fase tamén estea á vista” e agradeceu “o compromiso da Consellería de Medio Ambiente, pois o propio conselleiro, Agustín Hernández, o pasado sábado interesouse e tamén viu como van desenvolvéndose os traballos”.

Exit mobile version