Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta mantén baixo control o vertido de gasóleo que se produciu a pasada madrugada en Ribadeo

170313rosaquintanaribadeo3Ribadeo (Lugo), 17 de marzo 2013.- A Xunta de Galicia mantén baixo control o vertido que tivo orixe esta madrugada na gasolineira de A Devesa en Ribadeo procedente das cisternas de 4 dos 10 camións que estaban alí aparcados. O 112 recibiu aviso da Garda Civil para desprazar ata a zona aos bombeiros tras comprobar que os 10 vehículos amosaban as rodas picadas e 4 deles as cisternas rotas.

O combustible das cisternas, entre 3.000 e 4.000 litros, foi parar en parte a un regueiro que alcanzou as praias do Castro e As Catedrais polo que inmediatamente se activou en fase de alerta o Plan de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental (Plan CAMGAL) poñendo en marcha inmediatamente o dispositivo de actuación nestes casos. Así deu conta a propia conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, quen se achegou ata a zona esta mesma mañá e quen se puxo en contacto coa patroa maior da confraría de Ribadeo para informala directamente.

O grupo de apoio loxístico da Axencia Galega de Emerxencias, persoal de Gardacostas e técnicos de Calidade e Avaliación Ambiental están a traballar na zona na eliminación de restos do vertido. En coordinación, técnicos de Augas de Galicia e do Intecmar recollerán mostras entre hoxe e mañá para avaliar a súa posible incidencia na calidade das augas e nos recursos, principalmente percebe e ourizo. Por outra banda, levarase a cabo tamén un estudo de solos contaminados.

Exit mobile version