Site icon Crónica3.com A Mariña

Antonio Veiga acusa a Feijóo de “poñer á venda” a sanidade da Mariña

A Mariña, 9 de marzo de 2013. O responsábel comarcal do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Antonio Veiga, acusa ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de liquidar os dereitos sanitarios dos mariñáns coa implantación da área de xestión integrada de Lugo que limitará o acceso aos servizos sanitarios e rachará coa calidade de vida das veciñas e veciños da Mariña que, ademais, deberán dedicar máis recursos económicos para poder ser atendidos.

Veiga insiste en que “ninguén cun pouco de cordura pode negar que eliminar a área sanitaria da Mariña provocará máis problemas ca beneficios, aínda que a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, o presidente do Partido Popular de Lugo, Xosé Manuel Barreiro, e o secretario provincial da formación, Xosé Manuel Balseiro, se empeñen en dicir o contrario. A xestión centralizada en Lugo dificultará o acceso aos servizos sanitarios a milleiros de lucenses, xa que as 70.000 persoas que ten asignadas o Hospital da Costa e os preto de 50.000 usuarias e usuarios do Hospital de Monforte, pasarán a ter como hospital de cabeceira o Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) sito a 100 quilómetros de distancia para as veciñas e veciños da Mariña e uns 80 para os de Monforte.”

Desde o Bloque aseguran que Feijóo converte a súas visitas á comarca en campionatos de dicir mentiras ou no seu defecto en campionatos do silencio. “Cada vez que ten un acto na Mariña éncheselle a boca prometendo a ampliación do Hospital da Costa e novos servizos que nunca chegan e asegurando que a área sanitaria non perderá autonomía para un tempo despois eliminala, pero tamén desairando aos profesionais sanitarios cos que se nega a falar porque non quere que lle recorden as consecuencias da súa nefasta xestión. No Partido Popular gobernan de costas ao pobo e protexidos polas forzas de seguridade.”

Os nacionalistas entenden que a xerencia única impedirá os novos investimentos prometidos tanto para os centros de saúde como para os centro hospitalario, así como a implantación de novos servizos e especialidades e afirman que a sanidade da Mariña irase desmantelando progresivamente. Para Veiga “só falla que Feijóo lle poña un cartel de ‘véndese’ ao Hospital da Costa. O Partido Popular segue a súa máxima particular de rachar co equilibrio territorial e que as veciñas e veciños das zonas limítrofes teñan cantos menos dereitos mellor. Tan grave é a xestión e a actitude do presidente da Xunta como o silencio cómplice que gardan os alcaldes da Mariña, que prefiren seguir ao seu líder que reivindicar os dereitos dos mariñáns.”

O responsábel comarcal lembra aos dirixentes populares que “recortar en sanidade é recortar en saúde como xa se está demostrando en países coma o Reino Unido onde a falla de atención por falla de persoal tras os recortes levados a cabo provocou importante neglixencias médicas que conduciron á morte de varios pacientes. Un goberno responsábel e comprometido co seu pobo debera ter como prioridade a promoción e garantía da saúde e, polo de agora, todas as medidas sanitarias aprobadas polos gobernos da Xunta e do Estado rachan coa equidade do nosos sistema sanitarios.”

Exit mobile version