Site icon Crónica3.com A Mariña

As analíticas realizadas tralo vertido de gasóleo en Ribadeo reflicten que non houbo afectación na auga nin no molusco

O vertido rexistrado en Ribadeo, procedente dos depósitos de gasóleo de varios camións, non afectou á auga nin ao molusco da praia dos Castros. As analíticas de hidrocarburos e bioxeoquímica realizadas polo Intecmar á auga e ao mexillón de rocha da Praia dos Castros e Punta Corbeira, amosan que os valores son normais.

O vertido de combustible orixinouse na madrugada do sábado ao domingo e procedía dos depósitos duns camións que apareceron coas rodas picadas e os depósitos de combustible furados na gasolineira da Devesa en Ribadeo, onde estaban estacionados. De xeito inmediato, a Xunta activou o Plan CAMGAL en fase de alerta, poñendo en marcha o dispositivo de actuación correspondente. A conselleira de Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, achegouse ata a zona na mañá do domingo para comprobar en persoa a afectación.

O grupo de apoio loxístico da Axencia Galega de Emerxencias, persoal de Gardacostas e técnicos de Calidade e Avaliación Ambiental traballaron na zona para eliminar os restos do vertido.

Exit mobile version