Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiro renova a presidencia do PP de Lugo cun 96,48 por cento dos votos

No XVI Congreso Provincial de Lugo que tivo lugar esta mañá na localidade mariñá de Burela, José Manuel Barreiro, foi reelixido líder dos populares lucenses cun apoio masivo: 96,48% dos votos. Barreiro, quen se presentou por cuarta vez á Presidencia do PP de Lugo, dixo que optaba á reelección pola súa vocación política e que o facía coma “un home honrado e con capacidade para traballar”.

Arroupado por diversas autoridades do Executivo galego e nacional (conselleiros, presidentes provinciais, presidente do PP de Galicia, presidente de honra do PPdeG, a Ministra de Fomento…) e demáis alcaldes e voceiros, Barreiro manifestou que “rematamos unha etapa na que temos un traballo digno de recoñecemento e de carácter colectivo; un traballo presidido polo compromiso e compoñente vocacional que debe representar a política” aseverou facendo mención aos excelentes e históricos resultados que acadou o PP de Lugo nos últimos comicios electorais.

Asegurou Barreiro que o PP de Lugo continuará a facer un traballo colectivo e polo conxunto da sociedade lucense e que nunca avalará aqueles que “entendan a política como beneficio persoal nin que dende a mentira intenten confundir a sociedade”. “Estamos para servir a sociedade, render contas dese servizo; os intereses de Galicia son os de España e se alguén di que son contradicións, equivócase”- manifestou.

Agradeceu Barreiro a presenza das máis de mil persoas que o acompañaron na súa reelección e manifestou o compromiso de seguir traballando por Lugo e os lucenses “continuaremos a pé de rúa, escoitando aos cidadáns e intentando facer posible o que é necesario”, e puxo coma exemplo a área sanitaria, afirmando que “os populares lucenses van defender os servizos sanitarios en A Mariña e Monforte, dende o realismo e a verdade. Demostraremos aos que tratan de enganar a sociedade que os que van por ese camiño non van a ningures”- manifestou.

Barreiro tamén destacou o traballo dos mozos populares e agradeceulle aos rexedores e voceiros de tódolos municipios lucenses a quenes cualificou coma “as persoas que dan a cara polo noso partido e polo noso proxecto político en cada unha das rúas e prazas”.

Con respecto a actual situación que atravesa o país, Barreiro afirmou que o primeiro desafío de Lugo e Galicia é vencer a crise, liña na que está a traballar o PP con eficacia, realismo e sentido da responsabilidade. “Imos saír desta crise e este partido quere ser protagonista fundamental nesta saída” manifestou, quen destacou exemplos que contribúen a elo, citando a Manuel Fraga, Gerardo Fernández Albor, Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy.

COMITÉ EXECUTIVO

No tocante ao recen elixido Comité Executivo, repite como Secretario Xeral, José Manuel Balseiro ,coma vicesecretarios figuran: Jaime Castiñeira Broz, Mª Elena Candia López, Ramón Carballo Páez e Raquel Arias Rodriguez; a secretaría de organización pasa a ocupala, o Presidente de Sogama, Luis Lamas e a portavocía recae na monfortina Julia Rodríguez; e por outra banda, Manuela López Besteiro foi nomeada Presidenta de Honra do Partido.

Exit mobile version