Site icon Crónica3.com A Mariña

Castigo ao bo xestor

Cando un cativo que fixo ben a súa tarefa recibe un agasallo, este premio convértese nun reforzo positivo que fará que repita a conduta ben valorada. Se quixeramos evitar que se dea un comportamento non desexado, advertirémolo das consecuencias negativas de dita actitude. Mesmo se chega a obrar mal deberiámoslle aplicar o correspondente castigo para evitar que se repita tal conduta. Pero como mesturemos os allos cos bugallos e deamos sinais confusos premiando o negativo e castigando o positivo, probe da crianza e da súa educación: botadiña a perder!

Este é o comportamento que está a ter a Administración Central cos concellos no que se refire ao uso dos remanentes de tesourería. Está a dar paus de cego por abordar o tema de xeito improvisado, desde os afastados despachos da Moncloa, e ignorando a realidade das administracións locais. Obrigar aos concellos a dedicar dito remanente de xeito exclusivo a amortizar débeda, sen ter en conta a situación de cada un deles, é suicida. Aquelas entidades locais que xestionaron de xeito responsábel os seus orzamentos e acabaron tendo un remanente positivo non poderán aproveitar o esforzo realizado para investimentos que dinamicen a economía local, xusto en momentos tan delicados e precisados de esforzo inversor. Pois non: todo ten que ir destinado a pagar a débeda cos bancos. Pódese entender que teña que ser usado para pagar aos subministradores, iso si; pero aos bancos?!

O concello de Carballo paga regularmente aos seus provedores. Cumpre a normativa actual. Tamén paga puntualmente as cotas dos seus créditos. Está ao día. Porén, se non se lle pon remedio á situación, tería que amortizar a súa débeda (algunha está a pagala ao 1,2%) e despois autorizaríanlle pedir crédito (que seguramente tería que adquirir ata ao 4 ou 5%) para novas inversións. Vaia sen sentido! E vaia choio para algúns!

É como se a un autónomo que precisara ampliar o seu negocio, ou lanzarse ao mundo da exportación, lle dixeran que mellor amortizara os créditos actuais que teña (tamén con bos xuros) para despois ter que pedir novos préstamos polo triplo de tipo impositivo. Ou o goberno reconduce o tema, e de paso logra clarificar ben a confusa lexislación que el mesmo aprobou, ou vainos quedar a amarga sensación de que lle interesa máis a economía dos Botín e cía que a da xente de a pé.

Farruco Graña

Exit mobile version