Site icon Crónica3.com A Mariña

Charla sobre a lei de montes en Lourenzá para conmemorar o Día Forestal Mundial

O xoves 21 de marzo o subdirector xeral de prevención e defensa contra os incendios forestais ofrecerá unha charla no salón de actos do Concello de Lourenzá a partir das nove da noite.

Lourenzá, 20 de marzo de 2013. Co gallo do Día Forestal Mundial, que se celebra mañá, xoves, o Concello de Lourenzá organiza unha charla para “explicar a primeira lei de montes de Galicia, a lei 7/2012 de 28 de xuño, que xa está en vigor desde o 17 de agosto do ano pasado”, segundo anunciaba hai uns días a alcaldesa, Emma Álvarez Chao, que na súa etapa como deputada autonómica foi poñente desa lei.

A rexedora municipal explicou que “esta lei entrou precisamente no Parlamento o día 21 de marzo, unha data sinalada, e é unha lei da que tiven a honra de ser poñente. A devandita lei será explicada por un dos seus redactores que é Miguel Ángel Cela González, que naquel momento era xefe de servizo de Montes en Lugo e a día de hoxe ocupa o cargo de subdirector xeral de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais da Xunta de Galicia, en Santiago”.

A alcaldesa, Emma Álvarez, considera que “é unha lei sumamente importante nun concello coma o de Lourenzá, que é altamente forestal e onde ao mesmo tempo temos un val moi produtivo para horta e para gandería e polo tanto deben harmonizarse e convivir todos os subsectores: tanto o agrícola, como o gandeiro e o forestal. É unha lei moi importante tanto para os propietarios de montes como para aquelas outras persoas que se dedican á agricultura ou incluso para aquelas que teñen as súas vivendas rodeadas de monte”.

A charla será mañá, 21 de marzo, ás 21:00 horas no salón de actos da Casa do Concello.

Exit mobile version