Site icon Crónica3.com A Mariña

Concepción Burgo pide de urxencia no Parlamento que a Xunta conxele a conversión do IES As Mercedes en FP

A deputada socialista vén de rexistrar na Cámara preguntas orais e unha proposición non de lei para que o Goberno galego realice “un estudo racional da situación educativa” en Lugo “coa participación de todos os sectores afectados”

A deputada socialista Concepción Burgo vén de rexistrar no Parlamento varias preguntas e unha proposición non de lei para que a Xunta conxele a decisión “precipitada, sen consenso e sen respecto pola comunidade escolar” de eliminar ESO e Bacharelato no IES As Mercedes de Lugo para convertelo nun centro de FP integrado, o que suporía o traslado de máis de 200 alumnos e 28 profesores. Burgo presentou as iniciativas con carácter de urxencia “polas graves consecuencias que a medida tomada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten para a comunidade educativa e o concello de Lugo e a apertura da matrícula de ESO e Bacharelato en datas moi próximas”.

A socialista solicítalle á Xunta na proposición non de lei “conxelar o acordo do Consello da Xunta do 21 de marzo, relativo á conversión do IES As Mercedes en centro integrado de FP” e, ademais, “realizar, coa participación de todos os sectores afectados e á vista das reformas educativas en trámite, un estudo racional da situación educativa da zona, e da cidade de Lugo en xeral, no que se teñan en conta todos os aspectos pertinentes”.

Por outra banda,a deputada preguntaralle aos responsables do Goberno galego “cales son as causas que motivan a desaparición de ESO e Bacharelato” no centro, “en que análises, estudos e datos” se basea esta decisión e “por que se tomou de xeito unilateral sen falar coa direción do centro e as ANPAS”. Ademais, quere que desde a Consellería expliquen se “non lles preocupa que toda a zona sur da cidade de Lugo, a máis dinámica demograficamente, quede sen instituto”, e que dean argumentos de “por que as remodelacións de ensinanzas e desaparición de prazas afectan sempre aos centros públicos e nunca aos concertados”.

Exit mobile version