En equipos, os Billardeiros Musicais, aínda que non definitivamente, si parecen os donos do primeiro posto. Para a segunda praza Os Outros levan vantaxe, pero tanto Tropa Lixeira como os Remourelle Bulls manteñen unha feroz loita por alcanzalos.
A liga está ao roxo vivo e cadaquén vai tirar das derradeiras posibilidades para xunguirse ao carro das finais.
Na cidade das Murallas, o frío e a choiva fixeron que os anfitrións Madia Leva tiveran que cambiar o céntrico campo de herba artificial da Piringalla polo pavillón do IES Anxel Fole, mais non foron quen de quitar vistosidade a unha nova e multitudinaria xornada billardeira. Dúas pistas de xogo a pleno rendemento e as billardas fungando no aire cara o varal cun alto porcentaxe de varados. Contabilizáronse catorce en total.
Os candidatos a facer pleno íanse reducindo a medida que se ían sucedendo as carreiras, chegando ao final con Eric de “Os Outros” como único invicto na xornada e por tanto campión do aberto. Para o resto do podio quedaron tres candidatos: Adrián de “Extensión Billarda”, Franco de “Billardeiros Musicais” e Martiño de “Remourelle Bulls”, todos eles con 9 puntos. Foi o italo-galego musical quen mais afinou no desempate e se fixo ca segunda praza, a terceira para Martiño e Adrián quedou fora.
Os gañadores foron agasallados con sendas bolsas de libros e camisetas. Cómpre sinalar que o vindeiro encontro terá lugar en Bretoña.
A clasificación pouco muda e queda así:
Individual:
Charli 76 p., Marcos 70 p., Eric 69 p., Regueiro 64 p., Richar 63 p.
Equipos:
Billardeiros Musicais 253 p., Os Outros 238 p., Tropa Lixeira 224 p.
Varados:
Charli 11, Regueiro 9, Eric 7, Martiño 6, Daniel 5.