Vista Alegre acolle un duelo de altos voos entre o Burela Pescados Rubén e o UA Alicante, correspondente á vixesimoterceira xornada da Primeira División, o sábado día 23 ás 18.30 horas. A escuadra laranxa, segunda con 49 puntos e inmersa na loita polo título, recibe ás alicantinas que ocupan a quinta posición con 38 puntos. O conxunto dirixido por Carlos Navarro posúe un gran potencial, cun dos persoais máis amplos da categoría e con xogadoras de moita calidade. “Sempre é un rival perigoso e na súa situación actual máis aínda, posto que xogan sen presión de ningún tipo. Sen aspiracións ligueiras e coa presenza en Copa case asegurada, compiten liberadas de calquera tipo de presión” comentou o adestrador burelés, Javier Pardeiro. O técnico laranxa espera un partido “moi vistoso para o espectador xa que nos manteremos fieis á nosa filosofía de xogo e o Alicante practica tamén un fútbol sala alegre”. “O equipo recuperouse perfectamente do empate de Móstoles e desde o luns estamos enfocadas únicamente neste partido. O equipo está realizando unha excelente tempada e somos conscientes que nalgún momento escaparíase algún punto, é lóxico. A nosa ambición segue intacta e seguiremos pelexando partido a partido co obxectivo de lograr algo histórico para a entidade”. Neste novo reto a superar, Javier Pardeiro dispoñerá de todas as súas xogadoras.