Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 20 establecementos participan na décima Ruta das Tapas de Foz entre os días 29 e 30 de marzo

tapaFoz, 15 de marzo de 2013. Foz acollerá a décima edición da Ruta das Tapas os días 29 e 30 de marzo. O evento está organizado pola Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz e conta coa colaboración, entre outros, do Concello e da Deputación de Lugo.
Serán máis de 20 os bares, mesóns e restaurantes, que durante dous días ofrecerán auténticas exquisiteces da cociña en miniatura ao prezo dun 1 euro a tapa. Os locais participantes son: A Funcional, A Maseira, A Rula, A Viña, O Chícaro, O Pelolo, Oiche, Dallas, Express, Happy Days, Anduriña, Xoyma, Casa da Roxa, Fraggle Rock, Leytón, O Tangarte, Xoiña (pizzería), Costumes do Mar, Dandy, O Lar, O Mar, O Tangarte Mariñeiro e Portochico.

O presidente de ACIA Foz, José Carlos Paleo, indica que “queremos ofrecerlles aos nosos veciños e veciñas e aos que se achegarán a disfrutar da Semana Santa á Mariña, a San Martiño, a Viveiro… unha oferta máis para eses días. A Ruta das Tapas foise consolidando pouco a pouco, cumpre dez anos, e agora xa é un clásico destas datas na nosa vila”.

Paleo engade que “os locais participantes ofrecerán as mellores e máis orixinais propostas para facer as delicias da súa clientela”. O horario no que servirán as tapas será de 13 a 15 horas polas mañás e de 20 a 23 horas polas noites. Un xurado profesional elixirá as tres mellores tapas. Os premios aos gañadores entregaranse na cea do 25 aniversario de ACIA Foz que terá lugar o vindeiro 25 de abril.

Día do pai
A Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos de Foz anima ademais “a facer as compras para o día do pai e para San Xosé no comercio tradicional de Foz. Na nosa vila poderán atopar todo o que precisan para agasallar aos Pepes e Pepitas e tamén aos pais”. E lembra que “os que realicen as súas compras coa tarxeta do comercio de Foz poderán participar en sorteos e promocións ao longo de todo o ano. Facerse con elas é gratis”.

Ruta dos viños
Ata o 23 de marzo segue tamén en Foz a segunda edición da Ruta dos Viños na que están a participar 29 establecementos hostaleiros focenses. Entre os clientes que selen a tarxeta en tódolos locais sortearanse varios premios: o primeiro é de 300 euros en vales de compra e diploma de “Ruteiro Maior”, ao segundo corresponderanlle 150 euros en vales de compra e haberá 4 premios de 100 euros cada un en vales de compra para utilizar nos establecementos participantes.

Exit mobile version