Esta actividade, que segundo Mario Outeiro “pretende poñer en valor o deporte do motor, así como resaltar a relación social que une a pilotos, copilotos, mecánicos, a multitude de axudantes e colaboradores e a toda a grandísima afección que fan posible a realización de moitos eventos ao longo de todo o ano”, está organizada de novo pola Escudería Miño coa colaboración da Área de Deportes da Deputación de Lugo.
Tal e como indicou Mario Outeiro, “este evento permite que entren en contacto a moitas persoas do mundo do motor, que poñen en común as súas experiencias e crean lazos de unión nun día máis festivo que competitivo e no que tamén senten o apoio de toda a afección. Tamén é un día de presentación dos novos pilotos que tomarán a saída durante a tempada polo que constitúe unha importante oportunidade para darse a coñecer. Somos conscientes de que o mundo do motor move moita xente en Lugo e isto é unha xornada por e para eles. Desde a Área de Deportes da Deputación de Lugo, a colaboración co mundo do motor abrangue a todas as partes: cos equipos e escudarías a través da liña de axudas en concorrencia competitiva, cos pilotos a través das axudas para deportistas individuais e de maneira concreta no patrocinio das diversas probas que se celebran por toda a nosa xeografía”.
Esta nova edición da Xuntanza do Automobilismo Lucense vai ofrecer a todas as persoas que se acheguen ao Pazo de Feiras e Congresos a posibilidade de ver de preto, durante a mañá e toda a tarde do vindeiro sábado, a máis de 40 equipos cos seus vehículos e todo o equipo técnico dos equipos lucenses de rallys de asfalto, de montaña, todoterreo, históricos, velocidade e slálom de cara á nova tempada que comeza. A partires das 10 da mañá os equipos xa terán montado os seus stands nas inmediacións do Pazo e estarán abertos á visita do público e prensa. Entre as 16:30 e 17:00 horas as autoridades visitarán os diversos equipos e xa a partires das 17:00 horas os vehículos realizarán a súa presentación e un slálom espectáculo.
Pola súa banda, Carlos Íñiguez, presidente da Escudería Miño, que organiza o evento, agradeceu o traballo que está a realizar a Deputación á hora de promover o deporte do motor en Lugo e brindar oportunidades coma estas para que os equipos pequenos se dean a coñecer de cara ao inicio da tempada. Son máis de 40 os pilotos que están inscritos ata o momento aínda que na provincia hai arredor de 70/80 pilotos, só que a estas alturas aínda moitos equipos están a realizar a súa preparación e adquirindo os últimos equipamentos, polo que non poden participar aínda nesta xuntanza do motor.