Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 500 escolares do interior de Lugo participarán no programa ‘Mariñeiros por un día’ no porto de Celeiro

150313 Raquel Arias participou na actividade 'Mariñeiros por un día' cos alumnos do CEIP Ramón Falcón de Castro de Rei (1)Lugo, 15 de marzo de 2013.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, desprazouse hoxe ao porto de Celeiro para participar nunha xornada do programa ‘Mariñeiros por un día’, que ata o mes de maio achegará a máis de 500 escolares do interior da provincia á actividade pesqueira que se desenvolve neste peirao de Viveiro.

Este proxecto está impulsado pola Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo de Celeiro,e a Real Liga Naval Española e Porto de Celeiro, coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e vai dirixido a alumnos do último ciclo de Primaria e os primeiros cursos de Secundaria. Arias gabou aos tres entes que impulsaron este programa en colaboración coa consellería, porque se trata “dunha iniciativa que promove o acercamento a unha uns usos e uns costumes que forman parte da cultura e da sociedade desta zona”.

A delegada territorial, Raquel Arias, compartiu hoxe a xornada cun grupo de 40 alumnas e alumnos do Centro de Educación Infantil e Primaria (CEIP) Ramón Falcón de Castro de Rei, e destacou o dobre obxectivo da campaña xa que, “á vez que divulga a cultura e os costumes propios dunha das actividades económicas máis importantes da comarca da Mariña, como é a pesca, da a coñecer as principais especies comercializadas nesta comarca e todo o proceso que hai detrás da posta á venda dos produtos pesqueiros”.

A máxima representante do Executivo galego na provincia felicitou ao centro polo interese para participar na actividade e estivo coas rapazas e rapaces na visita guiada á aula da confraría, na que os escolares puideron coñecer varias especies pesqueiras, artes de pesca e nudos mariñeiros.

Arias significou que o programa da actividade que se desenvolve en Celeiro “resulta completo para os rapaces”, que na mesma visita poden coñecer tamén o proceso de subasta na lonxa, a equipación dun barco, con toda a súa carga tecnolóxica (sonar, radar, GPS, sonda…) e mesmo poden ver o operativo de salvamento que ten base no peirao celeirense co helicóptero Pesca-II.

A campaña desenvólvese todos os venres do mes desde o pasado novembro. Así, ao igual que os rapaces do CEIP Ramón Falcón, que acudiron acompañados por tres profesionais do centro, no programa participan tamén alumnos de centros de Cervantes, Láncara, Guitiriz, Monforte, Chantada, Cospeito, Pedrafita do Cebreiro, Navia, Lugo e Meira.

Raquel Arias subliñou “o alcance desta campaña”, e apuntou que a idea “é ir achegando aos rapaces do interior as características e a transcendencia do sector pesqueiro, que posúe unha grande relevancia socioeconómica en toda a comunidade galega, e en especial, nesta comarca da costa de Lugo”.

Exit mobile version