Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Ambiente garantirá a conservación do salmón cunha solta de 1.000 exemplares no río Masma

Santiago, 2 de marzo de 2013.- A Consellería de Medio Ambiente, a través da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, comeza o vindeiro 6 de marzo os traballos de repoboación de salmóns no río Masma. Este traballos atópanse dentro das soltas realizadas ao longo do ano durante as estacións de inverno, primavera e outono. Xa no 2012 soltáronse 75.000 exemplares de salmón atlántico para repoboar os ríos da Mariña Lucense, entre os que se encontraba o Masma, xunto ao Landro, Ouro e Eo.

A repoboación realizarase en catro puntos do río e comezará na área recreativa de A Cazola, no Concello de Lourenzá. O segundo lote soltarase no Coto de Celeiro, na zona do Pozo do Capitán (Concello de Barreiros), e o terceiro entre a presa de Celeiro e a ponte de Rexa/Barreiros. Para rematar, na zona de augas arriba da ponte de Barreiros realizarase o cuarto e último lote.

Os técnicos da Xunta repoboarán cada un destes puntos con 250 exemplares, que suman unha solta total de 1.000 salmón xuvenís (pre-esguín). Estes peixes son fillos de adultos reprodutores capturados no río Eo en anos anteriores, e criados na Piscifactoría de O Veral (Lugo) propiedade da Xunta de Galicia. Os salmóns en fase pre-esguín caracterízanse por ter un tamaño de 15 a 20 cm. de lonxitude e o seu peso é sempre inferior aos 100gr/ud. Estes exemplares van a iniciar en pouco tempo as súas adaptacións morfolóxicas e fisiolóxicas para a migración ao mar, e sóltanse nas zonas baixas dos ríos porque favorecen o proceso migratorio.

Recuperación do salmón nos ríos galegos

Dende a Consellería de Medio Ambiente estanse a tomar medidas de control de acordo coa necesidade de traballar na conservación do salmón, a través das repoboacións e o bo mantemento do estado ecolóxico dos ríos. Conscientes da problemática pola que atravesa esta especie, a consellería dirixida por Agustín Hernández, continuará coas actuacións de apoio ás poboacións salvaxes de salmóns mediante repoboacións anuais, como se leva facendo desde mediados dos anos 90.

Exit mobile version