Site icon Crónica3.com A Mariña

Mentireiros e tramposos

“Non hai ningún risco de diminución da autonomía da área sanitaria da Mariña; está sentada, ten base poboacional moi grande, e non hai diferencias coa de Lugo, son dúas çaras distintas”. Dito en Lourenzá o 3 de outubro do 2009, polo presidente de Galicia Núñez Feijóo. “A área da Mariña se mantén como está. O que facemos é unha área para coordinar todos os hospitais e toda a atención primaria da provincia de Lugo, como en Ourense”. Dito este venres pola mesma persoa en Santiago, tras o Consello da Xunta.

Hai mentiras e mentiras ou, polo menos, xeitos disimulados de facelo e outras toscas ou evidentes. Unha cousa é prometer algo que o tempo vai deixando no esquecemento ou que as circunstancias sobrevidas fan moi difícil ou imposible de levar a cabo; e, outra, é prometer algo rotundamente e cuxo cumprimento depende, ademais, do que o promete e, ao día seguinte, en plan si viche, non me acordo e facer exactamente o contrario.

Normalmente a mentira política nola edulcoran antes de facérnola tragar, do mesmo xeito que o mal sabor dos xarabes é disimulado con sustancias químicas ou aplícase anestesia antes dunha cirurxía. As técnicas para facer máis tolerable a mentira política son en grao sumo variado e non é do caso entrar agora na análise desa faceta ruín da política. Niso tamén ten responsabilidade o electorado, por non castigar a quen mente e porque se deixa embaucar con promesas inalcanzables, crer nun superhome que lle vai solucionar todos os seus problemas.

Por estas terras do norte a mentira coa que empezamos o sermón de hoxe ten unha boa cesta de cómplices, soplagaitas e cagabandurrias. A eles dende aquí lles digo: deixade de desanimar á xente. Deixade de dicirnos que todos estes recortes da nosa sanidade foi pola nosa culpa. Deixade de tomarnos por “gilipollas”. Ah, e non vos atrevades a volver dicir que sodes reflexo da sociedade na que vivides. Que si nos mangoneades foi porque volo puxeron diante. Que sodes vítimas dun baleiro legal, un entorno corrupto e unha dubidosa moral. Que sodes reflexo da xente, representantes elixidos polo pobo. Vós non sodes pobo, vós sodes escoria.

Alfonso Otero Regal

Exit mobile version