Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña condena o uso desproporcionado das forzas de seguridade por parte do Partido Popular

Antonio Veiga denuncia que os dirixentes populares queren converter a defensa dos dereitos do pobo nun problema de orde pública

Os nacionalistas aseguran que as declaracións de Barreiro a favor da xerencia única sanitaria parecen un chiste de mal gusto

A Mariña, 4 de marzo de 2013. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) da Mariña condena o despliegue policial e o emprego da violencia por parte das forzas de seguridade durante a concentración en defensa da sanidade da comarca e da devolución dos aforros dos afectados polas participacións preferentes ás portas do X Congreso Provincial do Partido Popular celebrado en Burela o pasado sábado.

Para Antonio Veiga, responsábel comarcal da formación, “o Partido Popular quere converter os actos que o pobo protagoniza en defensa dos seus dereitos, concentracións ou manifestacións nas que participan centos de persoas dun xeito pacífico, nun problema de orde pública. Cada vez que hai unha protesta os dirixentes do Partido Popular emparapétanse detrás dos antidisturbios, a garda civil e a policía en lugar de escoitar as reclamacións dos cidadáns, neste caso dos mariñáns, para buscarlle solucións; os populares non están dispostos a escoitar as voces que lle contan os dramas que se están a vivir no país.”

Neste senso, Veiga anunciou que o BNG demandará no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados o rexeitamento ao uso da violencia por parte das forzas de seguridade na concentración de Burela.

Dende o Bloque Nacionalista Galego insístese en que “o fondo do problema segue a ser a implantación ou non da xerencia integrada que deixará á comarca cuns servizos sanitarios de segundo ou terceiro nivel ao limitar os dereitos dos mariñáns, reducir a súa seguridade sanitaria e converter ao Hospital da Costa nunha sucursal do HULA.”

“Pero non é menos grave –continúa o responsábel da formación nacionalista na Mariña- que o presidente provincial do Partido Popular, José Manuel Barreiro, avale a xerencia única provincial como modelo de xestión máis convinte para a comarca, negándose a ver as pésimas consecuencias que suporá para a saúde dos mariñáns. E coma se esta situación non fora xa suficientemente triste, o secretario xeral dos populares lucense, José Manuel Balseiro, ten a desfachatez de afirmar que a concentración do pobo en defensa dos seus dereitos danou á hostalería de Burela durante a fin de semana. “

A este respecto, Veiga conclúe que “o que realmente provocará unha diminución da actividade hostaleira da comarca e, polo tanto unha contrición da economía da Mariña, será a diminución de postos de traballo que provocará a xerencia integrada no Hospital da Costa, unha das empresas máis grandes da comarca.”

Exit mobile version