Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz lamenta que o alcalde calara a información que tiña sobre a autovía

O alcalde falta á verdade cando di que o trazado estaba a 250 metros da zona de protección da basílica de San Martiño

Foz, 13 de marzo de 2013.- O BNG de Foz quer manifestar a súa sorpresa pola resposta tan inmediata do Sr. Alcalde de Foz á nota de prensa do BNG valorando a resolución aprobada por Fomento sobre o trazado da Autovía á vez que lamentamos que tendo tanta información como parece sacarse das súas manifestacións non a dera antes nin aos grupos políticos nin tampouco aos veciños e veciñas afectadas, que son practicamente todos os do Concello pois o trazado abarca as parroquias de Cangas, Nois, Fazouro, Foz, San Martiño e Vilaronte.

Antes de nada, desde o BNG queremos dicirlle ao alcalde que coma sempre chega tarde pois moita da información que da xa foi o BNG quen a sacou á luz pero grazas por recordarnolo. Estamos a referirnos ás alegacións que o BNG fixo e que se tomaron en consideración por parte de Fomento. Unha que demandaba alonxar o trazado do núcleo rural de Vilasindre e outra que se afastase da área recreativa do Carme. E estas alegación fíxoas o BNG e non o PP. Que saibamos o PP non fixo ningunha alegación ao respecto.

Tamén queremos desde o BNG precisar que o alcalde non di a verdade cando afirma que ”o trazado que afectaba á zona da basílica de San Martiño pasaba a 250 metros dela…” Non é certo e o alcalde ou ben fala sen coñecemento de causa ou ben intenta enganar á xente. O trazado inicial da alternativa proposta pasaba a menos de 100 metros da zona de protección da área BIC da Basílica de San Martiño. Tamén non di a verdade o Sr. Alcalde cando asegura que xa adiantara algo da información que tiña no Concello. Noutro orde de cousas e para que lle quede claro ao alcalde, no comunicado valorativo do BNG, xa afirmabamos que se fixeran algunhas modificacións por parte de Fomento para minorar o impacto visual e paisaxístico pero que o trazado era practicamente o mesmo, cousa que para o BNG non era suficiente. Agora e só agora, o alcalde manifesta que o trazado desprazouse máis de 250 metros e que se fará un túnel pola ladeira do Río Centiño o que quere dicir que tiña esa información.

Para o BNG o que si é preocupante é porque o alcalde non informou no seu momento desas modificacións aos grupos políticos e sobre todo porque non informou ao veciños e veciñas de todas as parroquias do trazado da autovía aprobado de forma definitiva polo Ministerio de Fomento para saber cal era a súa opinión. Iso si que nos preocupa. Porque o BNG non actúa ás costas dos veciños e da toda a información que ten, como fixo desde un principio coa Autovía e con outros documentos importantes para Foz.

E como empeza a ser moi preocupante o silencio dos alcaldes do PP, como pasou coa área sanitaria e o Hospital da Costa, instamos ao alcalde a que aporte toda a información que exista no Concello sobre o documento aprobado aos grupos políticos e solicite unha valoración dos técnicos do Concello e dos redactores do Plan Xeral de Urbanismo. Ao mesmo tempo, instamos ao alcalde de Foz e ao Grupo de Goberno que faga unha valoración completa do proxecto e informe aos veciños e veciñas do trazado aprobado por Fomento e as repercusións máis salientables que terá sobre o noso concello, cousa que ao entender do BNG, xa debía ter feito hai bastante tempo.

Exit mobile version