Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG votou en contra dos orzamentos de Barreiros por “seguir cargando os gastos sobre os veciños e veciñas”

Para o BNG de Barreiros os orzamentos presentados polo goberno popular o pasado luns son malos no seu conxunto para as veciñas e veciños de Barreiros. Por esa razón, explican os nacionalistas o seu voto en contra. “Os orzamentos presentados reflicten como o goberno do Partido Popular carga os gastos do concello sobre a veciñanza, xa que o groso dos ingresos provén de taxas, impostos e prezos públicos. Como exemplo, podemos ver o Imposto de Bens Inmobles, que desde o ano 2011 a contía da súa recadación incrementouse en máis dun 200%.”

“No pleno anterior tratouse un escrito dunha asociación veciñal no que se pedía a revisión das taxas e dos impostos. Coa elaboración dos orzamentos era o momento para ter en conta esas reclamacións e, na medida do posible, modificar esas cuestións. Pero unha vez máis, Alfonso Fuente e o seu equipo gobernan de espaldas á xente e tamén aos grupos da oposición, xa que nin sequera convocou a Comisión de Contas que, se ben non é obrigatoria, si que o é a súa existencia. Pero pola vía dos feitos, estase a inutilizar a súa existencia. Deste xeito, demóstrase unha vez máis que o Partido Popular goberna de costas á xente”, explican os nacionalistas.

Pero ademais, o máis grave, explican desde o BNG, é que “eses impostos non se reflicten en inversións que vaian mellorar a calidade de vida das e dos barreirenses. Por exemplo, neste ano, non se contempla nin un euro para o mantemento e arranxo de vías o que, tendo en conta o estado da rede viaria, é algo sorprendente.”

“Isto enténdese se analizamos os gastos pormenorizadamente, xa que unha vez máis pódese observar un gasto en persoal de preto do 50% do orzamento real (os 3.300.000 euros dos que fala o propio Alcalde unha vez retirada a parte que se contempla para facer fronte ao convenio) e vemos como o feito de ter aprobado o plan de axuste para pagos a provedores supón uns gastos mensuais de máis de 12.000 euros.”

Polo tanto, conclúen os nacionalistas, “mentres o apartado de ingresos é practicamente a costa das aportacións das veciñas e dos veciños, o apartado de gastos non reflicte as inversións precisas para manter unha calidade de vida ás e aos barreirenses. Por esta razón, o BNG non pode apoiar uns orzamentos feitos de costas á cidadanía.”

Exit mobile version