Site icon Crónica3.com A Mariña

O CC Buril pon en marcha o III Maratón de Lectura de Burela

O Maratón de Lectura de Burela, que nacía hai dous anos, celebrarase este ano de novo da man do Colectivo Cultural Buril. O maratón, que ten por finalidade principal promover a lectura en lingua galega, terá lugar o próximo 23 de abril no salón de plenos do Concello. Este ano cúmprense 150 anos da publicación de Cantares Galegos, polo que desde o Colectivo Buril adican o III Maratón de Lectura a Rosalía de Castro, sumándose deste xeito ás distintas actividades que se están a desenvolver en numerosas vilas e cidades galegas, promovidas principalmente pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), pola Fundación Rosalía e por distintas asociacións culturais.

Ao igual que na edición previa do maratón, a lectura prolongarase ao longo de todo o día e os textos a ler serán fragmentos da obra rosaliana ou ben textos de outros autores e autoras dedicados á poeta de Padrón. Cada persoa participante disporá dun tempo de lectura aproximado de 5 minutos. A xornada de mañá estará ocupada, salvo imprevistos, polas lecturas dos alumnos e alumnas dos centros educativos de primaria e secundaria de Burela.

Na xornada de tarde poderán participar os colectivos e asociacións da vila así como todas as persoas que o desexen a nivel individual. O prazo para inscribirse no maratón está aberto e para participar só é preciso contactar co colectivo Buril, no enderezo electrónico ccburil@gmail.com ou no teléfono 616473366, indicando o nome da persoa ou persoas que desexen participar lendo no maratón así como o texto escollido e a preferencia horaria.

Exit mobile version