Site icon Crónica3.com A Mariña

O Club de Golf Lugo celebra este sábado a súa segunda xornada de portas abertas

O profesor da entidade impartirá clases gratuítas a todos aqueles que desexen probar o xogo

O Club de Golf Lugo celebrará este sábado, 30 de marzo, a súa segunda xornada de portas abertas co obxectivo de invitar a todos os interesados no golf a coñecer as súas instalacións e as múltiples posibilidades que ofrece.

Tras unha primeira experiencia similar o pasado sábado, durante a xornada do día 30 está previsto que os visitantes teñan unha segunda oportunidade para coñecer tanto as dimensións e peculiaridades do campo de golf lucense, como os servizos auxiliares e algunhas das actividades que se realizarán no centro a partir do mes de abril, cando comece a temporada de torneos. A presentación da programación que levará a cabo a nova directiva realizarase durante a primeira quincena de abril pero os interesados en asistir poderán coñecer un avance durante estas dúas sesións.

Ademais, esta prevista a celebración de varias clases prácticas ao longo do día, nas que os visitantes poderán probar a súa pericia cos paus e coñecer desta forma a metodoloxía de ensinanza que se segue no club para os distintos grupos de idade, xa que se imparten clases a partir de 5 anos sen límite de idade. O profesor do club, profesional deste deporte, será o encargado de dirixir as clases de proba nas que poderán participar tantos os xa iniciados como aqueles para os que sexa a súa primeira vez.

Beneficios

O golf está considerado un dos deportes máis saudables, sendo apropiado para todas as idades. A súa práctica contempla o recorrido de entre 6 e 9 quilómetros, polo que é unha práctica moi recomendable en especial para o colectivo da terceira idade polos seus beneficios cardiovasculares.

Contrariamente ao que se cre, trátase dun deporte moi técnico no que a psicoloxía é o 70 por cento, polo que se aconsella tamén para o desenrolo mental dos nenos. De feito, o Club conta co seu propio club infantil no que nenos a partir dos cinco anos poden aprender o deporte e participar en distintas actividades e campionatos.

Inscrición

O Club de Golf Lugo mantén aberto o seu proceso de inscrición e quere animar a todos os lucenses a visitar as súas instalacións e ter unha experiencia coa práctica dun deporte que cada día aumenta o seu número de aficionados. Os interesados en asegurar o horario de clase poden contactar co club a través do número de teléfono 982 17 63 14.

Exit mobile version