Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo pretende manter a función formativa do edificio que ocupaba o FOREM

foremCervo, 14 de marzo de 2013-O Concello de Cervo informou hoxe da súa intención de que o edificio municipal que ata o de agora estaba ocupado polo FOREM, situado fronte á Casa consistorial, se siga destinando a desenvolver accións formativas “especialmente nun momento coma este, no que a adquisición de novos coñecementos e a especialización son a base para a inserción laboral” explica o alcalde de Cervo, Alfonso Villares. O rexedor anunciou que hai entidades que xa se puxeron en contacto coa administración local para interesarse por estas instalacións e pola posibilidade de impartir cursos formativos nelas.

O Concello, tal e como explica o mandatario cervense, considera que este edificio “conta con espazos moi axeitados para impartir cursos”, tal e como viña facendo a Fundación Formación e Emprego de Galicia (FOREM), dependente de CCOO, dende hai máis de 15 anos. “A experiencia formativa desenvolvida durante todos estes anos foi moi proveitosa e neste centro ofrecéronse cursos de distintas áreas laborais que deberían ter continuidade para seguir ofrecendo un servizo público tan relevante como a formación” engade Villares.

O rexedor fixo estas declaracións nun día no que os responsables do FOREM achegáronse ata Cervo para facer entrega das chaves do edificio despois de que no mes de xaneiro anunciaran que ían pechar o centro e ían deixar de impartir accións formativas. Naquel momento comezaran a recoller o mobiliario e o equipamento que foran adquirindo ao longo dos anos e que era da súa propiedade. Agora, unha vez finalizadas as mudanzas, o Concello recibe de novo as instalacións municipais que foran cedidas ao FOREM durante máis de tres lustros. Un acto de recepción ao que asistiron o rexedor, os edís Pilar Armada e José Ramón Soto, a directora de FOREM Galicia, María Estalote e outros responsables da fundación.

O primeiro edil asegurou que o edificio se atopa en perfectas condicións de conservación e que “dispón de amplos e aproveitables espazos que permiten o desenvolvemento de accións formativas de diferentes áreas laborais” e ao mesmo tempo destacou a existencia de tres plantas, con catro aulas, despachos e salas de reunión e unha nave externa onde se impartían os talleres de soldadura e electricidade.

Exit mobile version