Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo popular busca o apoio do Parlamento galego para esixir á UE unha flexibilización na prohibición dos descartes pesqueiros

Balseiro di que Galicia como principal potencia pesqueira ten que facer oír a súa voz para presionar a Europa a adoptar un calendario máis acorde aos intereses da flota

Santiago, 1 de marzo de 2013.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular, Jose Manuel Balseiro, vén de rexistrar unha iniciativa coa que busca o apoio do Parlamento de Galicia para esixir á Unión Europea que flexibilice a prohibición dos descartes pesqueiros. O parlamentario popular quere que a normativa comunitaria contemple un sistema alternativo para a regulación destas capturas accesorias no que se teña en conta o impacto social e económico deste tipo de decisións e non comprometa a rendibilidade e viabilidade operativa da flota.

O Grupo Parlamentario Popular xa dixo en pasadas datas que rexeitaba de plano o acordo da Eurocámara no que se propoñía un calendario moi restritivo baixo a aplicación inmediata do principio de descartes cero e espera que das negociacións que agora manteñan Comisión, Parlamento europeo e Consello poida xurdir unha regulación moito máis beneficiosa para os intereses da flota galega.

De feito Balseiro mantén que Galicia, como principal potencia pesqueira en España e unha das principais potencias do conxunto da Unión Europea ten que facer oír a súa voz e presionar ás institucións comunitarias para que poida adoptarse un sistema alternativo que non poña en risco a viabilidade e futuro da pesca, reorientando a obriga de ter que descargar todas as especies accesorias.
RECTIFICACIÓN DO GRUPO SOCIALISTA

O voceiro do Mar espera que o Grupo Socialista, “esta vez si” rectifique a súa posición inicial e sexa capaz “de defender e escoitar as razóns fundadas dos nosos mariñeiros”. Balseiro lembra que os eurodeputados socialistas, incluído os españois, non estiveron á altura das circunstancias e negáronse a aprobar as emendas defendidas polo Partido Popular Europeo para suavizar a normativa sobre descartes e capturas accesorias.

Pola contra o portavoz do Mar dos populares galegos mantén a esperanza de que agora todas as forzas políticas da oposición unan o seu voto ao Grupo Popular e saía adiante una acordo unánime do Parlamento de Galicia reclamando a flexibilización do calendario de prohibición dos descartes. Un acordo que tamén debera ser respectado polas institucións comunitarias que teñen ante si un longo proceso de negociación.

“Nós seguimos defendendo esta flexibilidade e as mellores condicións de traballo para a nosa flota. Pero necesitamos o apoio de porque é máis necesario que nunca. Tanto a Xunta como o Ministerio teñen claro a política a seguir en defensa da nosa flota e do noso sector pesqueiro. Agora temos que ser capaces de construír maiorías, ante un caso no que está a razón da nosa parte. Non podemos falar de nova Política Pesqueira Común se poñemos trabas para garantir que os nosos mariñeiros poidan ter un futuro, e desenvolver unha actividade pesqueira rendible e sostible”- concluíu Balseiro.

Exit mobile version