A iniciativa dos populares ten por obxecto facer desaparecer calquera tipo de dúbida ou precaución en relación coa posición do Partido Popular e da Xunta –na que teñen a responsabilidade de goberno- e deixar claro que todos e cada un dos cargos públicos do PP “seremos os primeiros en defender o Hospital da Costa e nunca consentiremos un retroceso, todo o contrario, só defenderemos a súa mellora”.
De feito a proposta de acordo inclúe tres puntos –que os populares cualifican como compromisos básicos imprescindibles- como son:
1) Garantir a continuidade de todos os servizos, unidades e consultas existentes no Hospital da Costa de Burela e incluso desenvolver cantas xestións e esforzos sexan necesarios para incrementalos e potenciar a súa calidade asistencial.
2) Manter o actual mapa sanitario do Sistema Público de Saúde na provincia de Lugo de tal xeito que se manteña a área sanitaria da Mariña (Cervo-Burela) e incluso reforzala xa que logo o xerente executivo desta área terá baixo a súa responsabilidade non só o centro hospitalario senón tamén os centros de atención primaria da comarca.
3) Levar adiante, de inmediato, a ampliación do Hospital da Costa, co fin de adaptalo á actual demanda asistencial, á mellor prestación para os pacientes e á realización do traballo dos profesionais con seguridade e calidade.
PASO HISTÓRICO LOGO DE 27 ANOS DA SÚA INAUGURACIÓN
Respecto deste último punto os populares valoraron moi positivamente o paso histórico que supuxo o aval do Consello da Xunta para que no día de mañá o Diario Oficial de Galicia publique a licitación do Plan Director do Hospital da Costa, que fará realidade a ampliación do centro. Os populares lembraron que este foi o principal compromiso electoral asumido polo PP coa comarca nesta lexislatura. “Dixémolo e estamos cumprindo. Houbo promesas, pero nunca antes nos 27 anos de historia deste centro ningún outro Goberno iniciou os trámites oficiais para facer realidade esta ampliación. O Consello da Xunta, presidida por Alberto Núñez Feijóo vén de autorizar a redacción do seu Plan Director e arquitectónico, isto é o primeiro paso do procedemento administrativo polo que se saca a concurso o documento que dirá cómo, canto, de que xeito e con que condicións poderemos facer do Hospital da Costa un centro mellorado, un gran complexo sanitario na nosa comarca, preparado para dar resposta ás necesidades actuais e futuras”
O HOSPITAL DA COSTA: CENTRO DE REFERENCIA PARA A MARIÑA
O Partido Popular insistiu finalmente en que a creación dunha estructura de xestión integrada a nivel provincial non supón que a xestión da saúde dos mariñans pase a depender ou decidirse en Lugo, como algúns aseguran, senón que o que fai é crear un órgano de coordinación das tres áreas sanitarias lucenses (Lugo, Norte e Sur). “Coordinar non é perder autonomía, nin capacidade económica, nin servizos, todo o contrario, cunha xestión coordinada poden facerse mellor as cousas e gañar en calidade, ofrecer unha mellor asistencia sanitaria pública para os lucenses”
Desde o Partido Popular insisten en que a área sanitaria da Mariña seguirá dirixida por un xerente executivo que verá ampliada a súa competencia de xestión, xa que ademais da dirección do hospital acumula a de todos os centros de saúde. Por outra banda sinala que como aconteceu nos hospitais de Verín ou Valdeorras, a xestión integrada tamén da pé a contar con novos servizos: quimioterapia, cirurxía vascular, etc… así como a evitar desprazamentos de pacientes ata Lugo. “Todo o que se poida resolver en Burela, se fará aquí, porque ao SERGAS lle resulta antieconómico e, o que é máis importante, ilóxico desde o punto de vista da atención aos pacientes, ter que obrigalos a desprazarse a Lugo para algo que poden resolver ao carón do seu fogar”.