“Estamos fartos de que o PP faga de xeito descarado o contrario ao que di”, afirma o deputado e voceiro de Educación no Parlamento, Vicente Docasar, que censura a “inaceptable demagoxia” do PP, que dixo que subir as taxas ás rendas altas suporía “unha recadación irrelevante” e agora “venden que os que máis teñen pagan máis coa comida dos nenos nos centros públicos”.
Os deputados do PSdeG-PSOE esixirán que a Xunta explique no Parlamento autonómico, mediante unha resposta oral e outra por escrito rexistradas onte, cales son os seus plans para o transporte escolar e que confirmen ou desmintan se teñen pensado intaurar un novo repago, despois do “indignante taxazo” anunciado para o servizo do comedor, unha norma pola que o 43% das familias galegas terán que abonar este servizo. O prezo do comedor sube un 40%, e un de cada catro nenos terá que pagar a cuota máxima, duns 100 euros mensuais -200 para as familias con dous fillos-, un caso que, extrapolando os datos á provincia de Lugo, afecta a máis de 4.000 familias lucenses. “O seguinte será o transporte escolar, é cuestión de tempo comprobalo, e por iso queremos que, por unha vez, a Xunta explique claramente cales son os seus plans, porque xa estamos fartos de que o decidan todo por sorpresa, ignorando á xente e facendo de xeito descarando o contrario ao que din”, afirma o deputado lucense e voceiro de Educación socialista Vicente Docasar.
Docasar di sentir “vergoña” coas declaracións do conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, nos medios de comunicación, nas que demostra “unha grave insensibilidade e pasotismo” ante un tema que afecta a moitas familias, e nas que asegura que “non hai máis de onde sacar”. O monfortino lembra que os socialistas presentaron enmendas aos Orzamentos e houbo propostas para impoñer taxas ás rendas máis altas e ás entidades financeiras, pero o PP negouse porque dixo que sería unha “recadación irrelevante” pero agora “vende que os que máis teñen paguen máis coa comida dos nenos” e admite “que nin sequera sabe canto van recadar, o que demostra que isto é unha cuestión ideolóxica e que están a afundir á clase media traballadora, que xa non pode respirar”.
O socialista lembra que xa hai repagos en Sanidade (medicamentos, próteses, ambulancias…), en Xustiza, en Servizos Sociais como a dependencia, en Fomento, e “agora, en Educación, ademáis dos libros de texto, tamén en educacións especiais e nos comedores”. Docasar lamenta que “o camiño parece imparable” e censura a “inaceptable demagoxia nos exemplos que utiliza o PP”, que di que unha familia que gaña 60.000 euros anuais non ten por que ter o comedor escolar gratuito. “En que mundo viven? Cantos exemplos coñecen deste tipo? Isto é unha norma que vai afectar a unha de cada dúas familias que levan os seus fillos a centros públicos en Galicia”, conclúe o deputado, “e queremos saber se agora o que toca será pagar polo transporte”.