Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Barreiros di que o alcalde “deixou tirados” aos organizadores da proba de surf e esixe explicacións

Os socialistas barreirenses lamentan “a falta de seriedade” do rexedor, que lle dixo á Federación Galega de Surf dous días antes da proba e por teléfono que non lles daría ningún tipo de colaboración para o campionato infantil e xuvenil previsto en Longara, polo que tiveron que irse a Carballo. “Deixou a imaxe do Concello de Barreiros polo chan e amosou a súa falta de compromiso co deporte e a xente nova”, afirman.

O PSOE de Barreiros afirma que o alcalde “deixou tirados” aos organizadores da Federación Galega de Surf que preparaban a 1ª Proba Infantil e Xuvenil prevista en Longara, aos que lles comunicou dous días da realización antes e por teléfono que lles negaba “calquera tipo de colaboración”, como explican na propia web da Federación. “O motivo que expoñen non está claro dado que nun primeiro momento tiñamos o seu permiso e colaboración”, engaden na web. Finalmente, a proba foi trasladada a Carballo. “Deixou a imaxe do Concello polo chan e amosou a súa falta de compromiso co deporte e coa xente nova”, critica a socialista Carmen Veiga.

O PSdeG preguntará no vindeiro pleno municipal as razóns do alcalde para non ofrecer o apoio do concello: “Non debería ter ningún problema, xa que sempre se gaba de que os servizos de protección civil son a través de voluntarios e non supoñen custo algún para o Concello”, afirma a socialista, que lamenta “que o Concello se dedique a desprestixiar Barreiros e a perder unha oportunidade única para potenciar a zona como un lugar para a práctica deportiva, o que sería un pulo para a promoción turística nunha época na que calquera tipo de iniciativa deste tipo tería que ser mellor acollida que nunca”.

Exit mobile version