Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Burela felicita ós centos de cidadáns que se manifestaron o pasado sábado e denuncia a falla de compromiso do equipo de goberno do PP

Dende a Comisión Executiva do PSdG-PSOE de Burela queremos felicitar ós centos de cidadáns da Mariña que o pasado día 2 de marzo se manifestaron en Burela para reclamar a área sanitaria para A Mariña e que o noso Hospital se siga a xestionar dende Burela e non dende Lugo como pretenden os nosos mandatarios do Partido Popular.

Como xa manifestamos no seu momento a Comisión Executiva do PSdG-PSOE de Burela deu o seu apoio a esta mobilización e participou activamente na mesma, e queremos manifestar a todos os veciños e veciñas de Burela que esta Comisión Executiva vai a estar sempre defendendo os intereses do pobo de Burela e do seu hospital goberne quen goberne na Xunta ou no Estado. Queremos deixar claro que para esta Comisión Executiva os intereses dos nosos veciños están por riba de calquera outro interese. É por isto que denunciamos unha vez máis a falla de compromiso do Sr Barcia e do equipo de goberno do PP cós veciños e veciñas ós que representa, e unha vez máis volta a pregarse ós intereses da súa formación política en vez de mirar polos intereses dos seus veciños e veciñas. O Sr Barcia desperdiciou unha oportunidade única para estar ó lado dos seus veciños e pasar de ser unha marioneta do Partido Popular a ser un defensor do pobo e dos veciños de Burela. Que nin dicir ten que as declaracións con respecto ás perdas da hostalería de Burela que tanto o Sr Barcia como o Sr Balseiro fixeron son un auténtico despropósito e eles mesmos se descualifican por si mesmos, ¿onde estaban estes señores cando o goberno do Estado decide espoliar ós cidadáns e os negocios deste país con subidas de IVA, recortes nas pagas dos funcionarios ou recortes nas pensións? ¿Acaso estas medidas beneficiaron ós hostaleiros deste país? Máis tendo en conta que o Sr Barcia estivo a negociar cos hostaleiros de Burela para que lle deixaran as comidas “arranxadas” de prezo, ¿cal era a ganancia dos hostaleiros? ¿Ter a “honra” de servir ós cargos do Partido Popular? ¿Porqué a Ministra foi a cear e durmir fóra do noso pobo despois de inaugurar a Capitanía se tanta preocupación había pola hostalería do pobo?

Por outra banda queremos criticar o despregue policial totalmente desproporcionado que se fixo o sábado en Burela, e alguén debería de explicar o custo en cartos públicos de semellante despregue e se este acto do Partido Popular lle custou algo os veciños e veciñas de Burela. Así mesmo criticar a actitude de algún dos membros de este congreso do Partido Popular que estiveron a provocar á xente alí concentrada en defensa do Hospital, incluso chegando a tirar moedas contra a xente alí concentrada á saída do acto. Criticar tamén a desproporción da actuación policial con respecto á detención dun veciño de Burela na que se asoballou e empurrou á xente sen ningún tipo de xustificación usando unhas formas e unha violencia máis propia de outros tempos, tempos que desgraciadamente parece que ó Partido Popular lle gustaría que voltasen.

Para rematar pedímoslle ós alcaldes da Mariña unión en defensa da autonomía do hospital e manifestar que o PSdG-PSOE de Burela estará da man daquelas persoas que sen dúbidas e decididamente defendan un Hospital con máis servizos e con total autonomía na súa xestión. Queremos tamén mostrar o noso apoio ó actual director do Hospital da Costa pola valentía mostrada ó explicar á sociedade mariñá o que suporía unha área sanitaria centralizada en Lugo e os seus efectos catastróficos na saúde dos nosos veciños e veciñas.

Exit mobile version