Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Burela presentará mocións para favorecer o funcionamento das diferentes asociacións e rexeitar o copago dos comedores escolares

Para o xoves 21 de marzo está convocado un pleno ordinario onde se van a tratar nove puntos, dos cales oito son de carácter administrativo. O que demostra o pouco interese deste equipo de goberno do PP en levar aos plenos temas que sexan beneficiosos para o conxunto dos veciños de Burela.

O señor alcalde tampouco perdeu a oportunidade de amosar o seu desprezo aos veciños de Burela e aos partidos políticos que integran a oposición ao romper coa tradición e impoñer, ditatorialmente sen dar ningún tipo de explicacións, o horario do pleno ás once da mañá, cando o horario normal de celebración é as vinte horas.

Para este pleno o grupo socialista leva dúas mocións. Unha a favor da adopción de medidas para favorecer o funcionamento das entidades, sen ánimo de lucro, que se dedican a actividades deportivas, culturais, recreativas, etc. do noso concello. Para lograr esta proposta propoñemos os seguintes acordos:

1.- Modificar o capítulo 4 de transferencias correntes para crear unha asignación económica específica para subvencionar as distintas asociacións que exercen a súa actividade no concello de Burela.

2.- Outorgar as subvencións solicitadas de acordo ao programa de actividades de cada asociación e seguindo o procedemento establecido na correspondente ordenanza.

A segunda moción é a favor do rexeitamento ao novo modelo de prezos públicos que a Xunta quere aplicar nos comedores escolares, e faise a seguinte proposta:

1.- O pleno do Concello de Burela manifesta o total rexeitamento ao repagamento do servizo de comedor que pretende establecer a Xunta para o vindeiro curso, por ser un ataque intolerable á Escola Pública e un machadazo ás familias.

Pola súa banda o grupo municipal do PP auto aplicase unha moción relativa ao Hospital da Costa e a área sanitaria de A Mariña. Nesta moción o grupo socialista fará a proposta de que a comarca da Mariña sexa Área Sanitaria de Xestión Integrada con plena autonomía, avalada pola maioría dos veciños da comarca (contrastada por numerosas firmas), Plataforma Sanitaria e Xunta de Persoal do Hospital da Costa. Tamén se apoiará a ampliación do Hospital, conservación e melloras de servizos e da sanidade pública.

GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DE BURELA

Exit mobile version