Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo lembra a Pilar Armada que “dende o 2009 xa escampou máis dunha vez” para facer as obras da Concepción Arenal

CERVO, 16 DE MARZO. Os socialistas non entenden cómo a señora Pilar Armada, edil de obras do Concello de Cervo, “pode xustificar a súa pasividade con respecto ó arranxo urxente que precisa a rúa Concepción Arenal afirmando publicamente que o problema foron as condicións meteorolóxicas. Señora Armada, dende o ano 2009, ano no que anunciaron estas obras, xa escampou máis dunha vez”.

Neste senso, engaden que “por se non fose boa esta desculpa, pretende que sexa a oposición quen se encargue de facer os labores de goberno. O seu partido goberna en Cervo, goberna a Xunta e tamén o goberno estatal e resulta que quen ten que facer “tódolos” arranxos é a Deputación de Lugo. E dicimos “todos” porque unha ampla porcentaxe das actuacións feitas no noso concello veñen da man do organismo provincial”.

Dende o PSOE de Cervo subliñan que “o discurso do PP é tan incongruente como erróneo pois mentres onde gobernan se esconden baixo o paraugas da crise, esíxenlle a outras administracións que asuman os custes e arranxos que eles non fan a pesares de ser da súa competencia”.

Os cartos non son desculpa

Os socialistas lémbranlle á conselleira de obras que “un goberno ten que facer fronte ás súas responsabilidades antes de esixir axuda á administración que non as ten. Haberá que priorizar as necesidades dos veciños e non ter gran parte das vías municipais en estado de total abandono”. A isto suman que “o tema económico tampouco lle vale como desculpa porque neste Concello hai salarios para todo o equipo de goberno, uns directos e outros en “diferido”, pero cobran todos. Incluso se lle está a pagar a unha persoa 1.900 euros ó mes por darlle autobombo e publicidade ó Partido Popular”.

Os membros do Grupo Municipal Socialista lamentan que o equipo de goberno “non teña cartos para manter as estradas municipais pero sí para festas e propagandas. Sen ir máis lonxe este último entroido gastamos a friolera de 12.000 euros. Por dar algún exemplo, existen facturas de orquestras por 2.057€, polo aluguer dunha carpa 5.112 euros ou o dun xerador 1.028 euros. Ó mellor en momentos de dificultade, hai que plantexarse que un concello de 4.480 habitantes non pode ter tres desfiles de entroido. Ningún outro municipio de A Mariña, a pesares de ter máis poboación, celebrou tres desfiles. E poderíamos seguir citando moitos máis casos da mala xestión do PP de Cervo”.

Por último, pídenlle ó goberno popular que “se adique a traballar e a cumplir coas súas responsabilidades en lugar de buscar culpables da súa incompetencia”.

Exit mobile version