O custo estimado da licitación da redacción do Plan director será de 143.392 euros. Para tal efecto, o Diario Oficial de Galicia de mañá venres publicará o anuncio indicativo do contrato do servizo para a redacción do Plan director.
Tal e como se recolle no informe, logo de analizar as distintas posibilidades de ampliación do hospital, óptase inicialmente pola ampliación lateral leste como a opción máis viable. A distribución dos servizos e unidades prevista é, no semisoto, hospital de día e unidade de diálise; no andar baixo, consultas externas e gabinetes de exploración; e nos andares primeiro e segundo, cirurxía maior ambulatoria e hospitalización. Tras ser aprobado o plan funcional, o departamento que dirixe Rocío Mosquera procede a licitar a redacción do Plan director.
Anuncio Feijóo
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe esa licitación da redacción do Plan director do hospital público da Mariña luguesa como o primeiro paso para materializar o compromiso de “ampliar, modernizar e mellorar” a infraestrutura sanitaria. Avanzou que esta actuación, que mañá publicará o DOG, establece un prazo de execución de 4 meses, polo que confiou en que “ao longo deste ano 13 podamos xa iniciar o proxecto construtivo da ampliación do Hospital da Mariña luguesa”.
Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, Feijóo insistiu en que ampliar o Hospital da Costa fai realidade un compromiso que asumiu persoalmente e do que se sinte “satisfeito” porque é consciente de que “a sanidade pública da Mariña necesita realidades concretas” e de que “nese lugar, nesa Área Sanitaria da Mariña luguesa, era necesario tomar esa decisión hai tempo”.
“Ter apostado de forma continuada pola racionalización da Administración é unha das razóns que nos está a permitir ter marxe financeira para blindar e mellorar incluso, a pesar da crise económica, os servizos públicos”, afirmou Alberto Núñez Feijóo, quen cualificou de “difícil pero necesaria” a decisión de levar a cabo a ampliación e mellora do Hospital da Costa de Burela.