O BNG CRITICA QUE O GOBERNO LOCAL SE NEGUE A CONVOCAR XUNTA DE PORTAVOCES PARA TRATAR A NEGATIVA DO GOBERNO DO ESTADO A ACEPTAR ALEGACIÓNS AO TRAZADO DA AUTOVÍA SAN CIBRAO-BARREIROS APROBADAS POLO PLENO EN AGOSTO DE 2009.
OS NACIONALISTAS ANUNCIAN ACTOS INFORMATIVOS NOS PRÓXIMOS DÍAS NAS ZONAS AFECTADAS DO CONCELLO
Cervo, 18 de marzo de 2013. O BNG de Cervo criticou a ausencia de resposta do goberno local ante a solicitude presentada o día 8 deste mes para que a alcaldía convocara Xunta de Portavoces para tratar a negativa do Goberno do Estado a aceptar as alegacións presentadas por colectivos veciñais e particulares e avaladas por acordo do pleno da corporación ao Estudo Informativo da autovía entre San Cibrao e Barreiros ao seu paso polo concello de Cervo. Os nacionalistas consideran que unha vez mais o goberno local desenténdese dos problemas da veciñanza como xa fixo en 2009 e 2011 con motivo da aprobación provisional do Estudo Informativo provisional e o Estudo de impacto ambiental, aprobados definitivamente o pasado 23 de febreiro. Anuncian que levaran adiante actos informativos os días 19, 20 ,21 e 22 na Venta, A Senra e Castelo e San Román todos eles ás 20:00 nos locais sociais e no Tele Club da CC.MM no na Parroquia de San Román.
ACTOS INFORMATIVOS NOS LOCAIS SOCIAIS DAS ZONAS AFECTADAS DO CONCELLO O MARTES 19, MÉRCORES 20 E XOVES 21 ÁS 20:00HRS.
O BNG anunciou que levará adiante actos informativos naquelas zonas afectadas do concello onde hai veciños e colectivos veciñais que presentaron alegacións non atendidas nin polo anterior goberno do Estado, nin polo actual.
En concreto lembran que, en xullo de 2009, con motivo da aprobación provisional do Estudo Informativo xa realizaran unha rolda informativa durante o período de alegacións que tiveran como resultado a presentación de alegacións da veciñanza da Senra e Gondrás pola afectación de acuíferos dos que se serven de auga varias vivendas e a presentada pola AA.MM de San Román polos efectos no núcleo da Calvela que pedían unha modificación de trazado. Posteriormente en 2011 houbo outra rolda informativa con motivo da presentación do Estudo de Impacto Ambiental onde se informou á veciñanza destes lugares da contestación do goberno do Estado a esas alegacións, maioritariamente desatendidas.
Nesta ocasión realizarán outra serie de actos informativos debido á aprobación definitiva do Estudo Informativo do trazado da autovía publicado no BOE o pasado 23 de febreiro contra o que xa so cabe recurso de casación ou recurso contencioso administrativo. Teñen previsto realizar os actos nos locais sociais da Venta o martes 19 ás 20:00hrs., no local social da Senra o mércores 20 á mesma hora e no local social de Castelo o xoves 21 no mesmo horario. O venres 22 á mesma hora será o acto no Tele Club da Parroquia de San Román propiedade da Comunidade de Montes.
O GOBERNO LOCAL PARECE SEGUIR NA LIÑA DE DESENTENDERSE DA SITUACIÓN COMO XA FIXO EN 2009 E 2011
Critican que o goberno municipal se desentenda das alegacións presentadas polos veciños que foron avaladas por un acordo do Pleno da Corporación en agosto de 2009 despois de que o BNG pedira un acordo da Corporación que dera forza a estas demandas.
Nesta ocasión a alcaldía segue sen responder á solicitude presentada o pasado 8 de marzo para convocar unha xunta de portavoces para coñecer cal é a actitude do goberno local tendo en conta o referido acordo plenario, “os nacionalistas queren que a alcaldía aclare si está disposta a defender ese acordo ou desentenderse como xa fixo en 2009 e 2011”.