Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas de Cervo loan a decisión de Insua ante as “falsedades de Feijóo”

CERVO, 18 DE MARZO. Os socialistas de Cervo recoñecen a boa actitude do xa ex director do Hospital da Costa, José Insua Pernas, ante as falsas promesas do Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, con respecto a autonomía do Hospital da Costa, “loamos a postura e decisión do señor Insua xa que pon de manifesto que os intereses dos seus veciños cervenses, dos mariñáns e sobre todo dos usuarios do noso hospital comarcal están por riba das propias expectativas persoais, sempre lícitas, e dos intereses do seu partido”.

Dende o PSOE pregúntanse se “o PP de Cervo vai seguir a estela do seu presidente local para loitar polo mantemento da área do Hospital da Costa ou pola contra van claudicar e antepoñer os intereses persoais e do partido por riba dos dos seus veciños”.

Entenden que “os membros do equipo de goberno se atopan na posición perfecta para defender por riba de todo o centro sanitario comarcal pois estamos a falar do señor Balseiro, Secretario da Mesa do Parlamento, Deputado da Mariña, Primeiro Tenente de alcalde e Secretario Provincial do PP de Lugo e por outra banda, do señor Villares, Vicepresidente da Fegamp e Alcalde de Cervo, membros os dous das Executivas Nacional e Provincial do partido, algo poderán facer por salvar a autonomía do Hospital da Costa”.

Os compañeiros do Grupo Municipal Socialista afirman que “nos gustaría ver como o PP de Cervo se suma ás peticións feitas polos facultativos do hospital, os sindicatos, e sobre todo, que apoiase ós usuarios. Encantaríanos escoitar novamente ó señor Balseiro cómo pide o servizo de autopsias, cómo defende o servizo de prematuros, cómo loita para que non desapareza a UCI e cómo esixe que a ampliación sexa unha realidade e non unha promesa. En definitiva, cómo facer o posible para que os cervenses non teñamos que desplazarnos a Lugo como antaño”.

Exit mobile version